Ir o contido principal

A revista cultural Evohé cumpre 13 anos cun novo número

O director de Evohé, Saturnino Valladares
O director de Evohé, Saturnino Valladares

O director da revista cultural Evohé da Universidade de Santiago de Compostela, Saturnino Valladares, presentou este xoves 2 en rolda de prensa o número dobre 19-20 desta publicación. O vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero, e o decano de Humanidades, Alexandre Veiga, aproveitaron a ocasión para felicitar o esforzo de Valladares por sacar este novo número, que supuxo un gran labor cultural ao longo destes 13 anos.
A revista, que comezou a súa andaina a finais de 1996, conta neste número coas colaboracións de máis dunha ducia de estudantes e investigadores que achegan relatos, poemas, artigos, fotografías e debuxos de todo tipo. “O meu modesto propósito ao implicarme neste proxecto foi sacar á luz as creacións literarias e investigadoras dos alumnos deste Campus”, explicou Saturnino Valladares. Sen embargo, continuou, “a sorte quixo que algunhas das miñas amizades fosen poetas de recoñecido prestixio”.
Así, neste novo número, financiado pola Vicerreitoría de Coordinación de Lugo e a Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, destacan os poemas de Leopoldo María Panero, un dos grandes poetas do século XX, xunto con textos de Claudio Rodríguez Fer. Por outro lado figuran autores brasileiros que, “xentilmente”, dixo Valladares, “permiten publicar unha parte da súa obra por primeira vez a este lado do Atlántico, como son Valdir Gravatá e Sandro Ornellas.
Tamén participaron nesta nova publicación Joana Almeida Costa Neves, Carmen Aguilera G., Ernesto Boado, Cristina Corral Soilán, Eugenia Conde Noguerol, Francisco Javier Reija Melchor, Javier Gómez e Lorena Barrera Fernández.
Saturnino ValladaresSaturnino Valladares é licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC. Ademais de dirixir Evohé, tamén goza na Facultade de Humanidades dunha bolsa de colaboración do MEC, na que investiga ao poeta galego José Ángel Valente.
É autor de dous poemarios publicados pola editorial Scio (Lugo): Las almendras amargas (2000) e Cenizas (2005). Foi Premio Lucus Augusti de poesía 2007 e en 2008 fíxose co Ánxel Fole de relato en lingua castelá. Actualmente atópase inmerso nun proxecto fotográfico-literario, xunto á fotógrafa Susana Girón, sobre as comunidades masai de Kenia e Tanzania.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.07.2009.