A revista European Journal of Psychology Applied to Legal Context que dirixe Ramón Arce, na elite mundial

A revista European Journal of Psychology Applied to Legal Context, da que é editor o profesor da USC Ramón Arce, acada en 2016 un factor de impacto no Journal Citation Reports de 2.29, o que supón ascender ao Cuartil 1 e percentil 90 na súa categoría.
O factor de impacto é unha medida que dá a importancia dunha publicación científica. Calcúlase cada ano entre o número de citacións dos artigos da revista e o número de artigos publicados nela no período dos dous anos anteriores ao calculado. As revistas co factor de impacto máis alto sitúanse no primeiro cuartil, e a posición neste vén dada ademais polo percentil, máis favorable canto máis elevado.
A revista direccionada na USC, que edita o Colexio Oficial de Psicólogos de Madrid e está englobada no acervo de Elsevier, creouse en 2009 impulsada por Ramón Arce, sendo aceptada para a súa indexación en 2011 na Web of Science e obtendo o primeiro índice de impacto en 2012 (cuartil 3). Dende ese momento foi escalando posicións ata acadar neste ano o Cuartil 1.
Esta revista está fortemente vencellada ao Itinerario de Psicoloxía Xurídica e Forense do Master Universitario da USC de Psixoloxía do Traballo e as Organizacións, Xurídica-Forense e Intervención Social, así como ao programa de doutoramento de Psicoloxía do Traballo e as Organizacións, Xurídica-Forense e o Consumidor e Usuario, publicándose nela os avances aplicados derivados dos investigadores que conforman eses títulos.
Para Ramón Arce, a nova posición da revista supón tanto para os títulos como para os investigadores da USC “un respaldo de referencia mundial no seu eido, á vez que valida estes estudos en Santiago como un dos mellores do mundo”.