A revista The European Journal of Psychology Applied to Legal Context que dirixe Ramón Arce, entre as de maior impacto
A revista multidisciplinar The European Journal of Psychology Applied to Legal Context que dirixe o director da Unidade de Psicoloxía Forense da USC, Ramón Arce, aparece no cuartil 1 (Q1) na categoría ‘Law’ e no 2 (Q2) na categoría ‘Applied Psychology’ do recentemente publicado Scimago Journal Rank (SJR) de 2012. O cuartil dunha revista consiste en dividir o total de publicacións dunha mesma categoría do Journal Citation Reports (JCR) ordenadas de maior a menor factor de impacto en catro partes iguais, de maneira que o Q1 é o que aglutina as revistas de maior impacto e o Q4 a de menos. Psicoloxía e Lei Como revista oficial da Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense e da Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica que é, publica artigos empíricos, estudos teóricos e revisións que abordan temáticas relacionadas coa psicoloxía e a lei. Ata agora leva editados oito números, dous por ano dende 2009, sempre nos meses de xaneiro e xullo. A publicación diríxese a persoal investigador, académico e profesionais de psicoloxía, dereito, traballo social, ciencias forenses, educación e, en xeral, aquelas disciplinas relacionadas coas ciencias Sociais e a lei. The European Journal of Psychology Applied to Legal Context foi recentemente incorporada á base de datos do Institute for Scientific Information (ISI) que recolle as publicacións científicas máis importantes e influentes do mundo. Meses antes, fora indexada en Scopus, a base de datos bibliográfica que engloba a maior colección multidisciplinar do mundo de resumes, referencias e índices de literatura científica, técnica e médica.