Ir o contido principal

A revista Forbes inclúe a Enxeñaría Agronómica entre as dez titulacións universitarias con máis futuro na próxima década

Matemáticas, Robótica, Saúde e Biotecnoloxía son outras opcións con perspectivas de éxito profesional, para o que Forbes ve clave dominar o inglés e saber programar

A Enxeñaría Agronómica figura entre as dez titulacións universitarias con máis futuro e mellor inserción laboral na próxima década, segundo unha análise prospectiva elaborada e publicada pola revista Forbes, que tamén salienta que o dominio do inglés e/ou do portugués, ademais dos coñecementos de programación, antóllanse na actualidade como elementos fundamentais para acadar un crecemento profesional de éxito. “O futuro dos alimentos vai ser un dos grandes desafíos para o planeta. Entre o cambio climático, o crecemento demográfico e a xente que pensa que é unha boa idea plantar céspede nas cidades do deserto, o subministro de auga doce será cada vez máis escaso e a cantidade de terra dispoñible para a agricultura verase reducida. Mentres tanto, a medida que máis países fanse máis ricos, verase incrementada a demanda de alimentos de mellor sabor e de maior prezo, o que suporá unha maior presión sobre o sistema agrícola”, relata na revista Forbes o xornalista especializado no futuro da ciencia, da tecnoloxía e da cultura, Alex Knapp, para logo subliñar que “ estes cambios provocarán un aumento da demanda da Enxeñaría Agronómica, unha profesión centrada en desenvolver maneiras mellores e mais sustentables para cultivar alimentos para satisfacer as necesidades do mundo”. Matemáticas, Robótica e Saúde e Biotecnoloxía son outras das titulacións universitarias que o xornalista Alex Knapp inclúe no abano de carreiras que rexistrarán unha maior demanda de inserción laboral no horizonte de 2022. O autor deste informe argumenta neste senso que as carreiras relacionadas coas matemáticas téñense convertido nunha ferramenta esencial para desenvolver negocios nas empresas, mentres que a robótica permitirá cubrir a merma da forza laboral causada polo envellecemento da poboación, unha realidade que, xunto coas necesidades de investigación para paliar ou evitar enfermidades, apuntan tamén cara un prometedor futuro das carreiras dos ámbitos da saúde e da biotecnoloxía. Dereito, sobre todo orientado cara a terceira idade, enxeñaría cuántica e enxeñaría aeroespacial, deseño en 3D e artes liberais completan o abano de carreiras universitarias con mellor futuro no horizonte próximo, segundo as proxeccións feitas por Alex Knapp nun artigo que vén de publicar a revista Forbes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2014.