A Revista Galega de Educación analiza de xeito monográfico nun novo número os xogos tradicionais
A Nova Escola Galega, integrada por un numeroso grupo de docentes da Facultade de Ciencias da Educación da USC, presenta este luns 23 o número 37 da Revista Galega de Educación, dedicada de xeito monográfico nesta última edición aos xogos tradicionais.
A presentación desenvolverase a partir das 19:00 horas na Biblioteca Fundación Caixa Galicia de Santiago (r/ Frei Rosendo Salvado, 14-16) coa presenza do director da revista, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Xesús Rodríguez Rodríguez; o presidente da Asociación Brinquedia, entidade responsable da coordinación do número, Paco Veiga; e Pedro Lucas, en representación da Fundación Caixa Galicia. De xeito paralelo á presentación realizaranse actividades e demostracións de xogos tradicionais.
O número 37 desta publicación especializada é o primeiro monográfico que se realiza en Galicia dende unha perspectiva global do tema. Nas súas páxinas, o lector poderá atopar dende unha reflexión teórica sobre o papel do xogo tradicional na actualidade, ata unha sintética viaxe polos proxectos de recuperación que se están realizando no medio máis próximo, centrando a análise en casos concretos como o portugués ou o cántabro.
Ademais, a revista inclúe unha serie de traballos que tentan centrar a cuestión en Galicia, dende unha tamén breve reflexión teórica sobre o papel do patrimonio lúdico na construción da identidade ata un intento de síntese das iniciativas que se desenvolven na comunidade, pasando por unha reflexión sobre o xoguete tradicional ou polo bosquexo dun plan galego de recuperación do patrimonio lúdico.
O monográfico péchase co relatorio de tres experiencias desenvolvidas na Universidade no contexto dunha cidade e na experiencia vital de quen soubo gozar plenamente de diferentes tipos de escola en tamén diferentes contextos ao longo da súa vida profesional.
A recuperación do xogo tradicionalSegundo o profesor Xesús Rodríguez, director da publicación, nas últimas décadas estase asistindo en Europa a un proceso de recuperación dos patrimonio lúdico tradicionais. Neste marco xeográfico, o profesor Rodríguez considera como referencia obrigada os casos de Bretaña, Flandres ou Portugal, mentres que en España serían Cantabria, Aragón, Cataluña, Canarias ou o País Vasco.
Xa en Galicia, o director da revista considera que son moitas as iniciativas e os proxectos que viron a luz co obxectivo final de recuperar para a práctica ordinaria o xogo tradicional. A execución destas iniciativas faríase tendo presente a idea de que “podemos aínda buscar na nosa esencia máis fonda aqueles elementos que fagan posible que sigamos sendo nós mesmos, incorporándonos aos futuro a partir do presente que nos tocou vivir –sinala Xesús Rodríguez- pero sen esquecer precisamente qué foi aquilo que posibilitou que exista este presente”.
Na comunidade galega, o patrimonio lúdico está sendo estudado e recuperado por clubs deportivos, asociacións de base, concellos e por centros de ensino. Estes colectivos xunto con particulares fundaron a comezos de 2005 a primeira entidade de ámbito galego nacida “por e para a recuperación do xogo tradicional”, Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional, a quen o Consello de Redacción da Revista Galega de Educación encargou a coordinación do tema central deste número 37.