A Revista Galega de Educación dedica un monográfico á Formación Profesional
A Revista Galega de Educación dedica o seu número 42 de xeito monográfico á Formación Profesional, nun volume no que tamén teñen cabida outros temas relacionados coas novas tecnoloxías e con experiencia de educación social. A publicación está editada por Nova Escola Galega, colectivo que agrupa a profesores das facultades de Ciencias de Educación das tres universidades galegas xunto cun amplo grupo de profesionais do ensino de infantil, primaria e secundaria.
Este volume ofrece ao lector unha visión poliédrica da Formación Profesional, comezando cunha análise da actual estrutura destes estudos en España, pero tamén atendendo a experiencias particulares desenvolvidas en diversos centros galegos. Completando a panorámica, a revista recolle unha entrevista ao director xeral de FP e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, e á alumna gañadora do Campionato de España de Formación Profesional, María Puga.
Xa fóra do caderno monográfico, quen se achegue ao novo número da Revista Galega de Educación poderá coñecer a última actualidade relativa a experiencias en materia de educación social e escola ou sobre novas tecnoloxías aplicadas ao proceso de ensino-aprendizaxe. No apartado relativo a novas experiencias, a publicación faise eco do programa de prevención e control do absentismo escolar no concello de Cangas, así como da publicación do libro Nova Antoloxía Latina que presenta unha selección de textos útiles para a súa utilización no ensino secundario.
‘Arredor do Informe Pisa’ e ‘A escola en Galicia e os desafíos do alumnado inmigrante’ son dous dos artigos contidos na sección de ‘Estudos e Informes’, incluíndo ademais outras dúas referencias a unha experiencia de creación e achegamento de servizos en áreas rurais de Asturias e á romaría Raigame, celebrada baixo o lema ‘Un día para vivir e aprender cos nosos avós’.
A RevistaA Revista Galega de Educación pretende, segundo os seus promotores, “constituirse nun claro instrumento para a formación do profesorado e dos profesionais da educación en xeral”. Dende esta consideración, os responsables da edición subliñan que “un mestre, profesor da escola galega, un profesor da Facultade de Ciencias da Educación ten que coñecer, ten que respirar, ten que estar atento ao que sucede na educación en Galicia para logo poder fundamentar e contextualizar as súas tomas de decisións”.
No seu conxunto, a revista “quere ser un punto de encontro” dos educadores galego co que está ocorrendo neste eido, coas experiencias desenvolvidas, “de coñecemento de realidades e novas propostas, de análise de dificultades, ou das investigacións que se desenvolven dende a Universidade”, apuntan os promotores da iniciativa.