Ir o contido principal

A revista Obradoiro de Historia Moderna presentou un novo número

De esquerda a dereita, Juan Blanco, Mª Carmen Saavedra, Juan Monterroso e Isidro Dubert
De esquerda a dereita, Juan Blanco, Mª Carmen Saavedra, Juan Monterroso e Isidro Dubert
Por índice de impacto e referencias bibliométricas, é unha das publicacións máis importantes de cantas edita a USC

O Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, foi o escenario elixido para a presentación dun novo número, o que fai o 19, da revista Obradoiro de Historia Moderna, unha das dúas que a Universidade edita co selo de calidade ‘ USC Editora’. A presentación, no marco do IV Seminario Obradoiro de Historia Moderna, contou coas intervencións da directora e o secretario de redacción da revista, os profesores Mª Carmen Saavedra e Isidro Dubert; o decano da Facultade, Juan Monterroso; e o director do director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco, que subliñou que a publicación atopase entre as máis importantes da institución atendendo as súas cualificacións en índices de impacto e en bases de datos bibliométricas. Trátase, en opinión do seus responsables, dunha publicación consolidada que se ten afianzado como altofalante dos resultados das investigacións galegas relativas ao Antigo Réxime. Dende a súa fundación en 1992, esta publicación tivo entre os seus obxectivos fundamentais o de dar cabida aos traballos de calidade feitas en España e en Europa o que, segundo os promotores da publicación, permite situar á historiografía galega e á USC no seo das correntes historiográficas europeas máis importantes e avanzadas No novo número conflúen as achegas de especialistas procedentes tanto de universidade de toda España, como de Francia e Irlanda. As pólizas de seguro e o préstamo no comercio marítimo galego entre os séculos XVI e XVII, as contribucións vascas á facenda real na Idade Moderna, o donativo das guerras de Italia (1629) ou as fronteiras de España no século XVIII son algúns dos temas que abren o corpo da publicación. Outros aspectos sobre os que se fai fincapé serían a crise do antigo réxime e primeiro liberalismo en Galicia, aproximacións aos estudo do servizo doméstico do alto clero de Murcia durante o século XVIII ou un balance económicos dos mosteiros cistercienses do suroeste galego a fins do Antigo Réxime. ‘USC, editora’ O selo ‘USC, Editora’ é a denominación comercial que dá cabida a unha serie de publicacións financiadas total ou parcialmente polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da universidade compostelá e sometidas a un sistema propio de avaliación. O selo nace como resposta ás crecentes iniciativas a prol de salientar e visibilizar a calidade e rigor das publicacións universitarias.

Todos os orixinais publicados neste selo son sometidos a un sistema de avaliación por pares, que son sempre expertos alleos á Universidade de Santiago. Ademais, os textos son revisados por editores pertencentes ás areas de coñecemento correspondentes e requiren da aprobación final da Comisión de Publicacións, nun proceso que se explica na páxina de créditos de cada orixinal de ‘ USC, Editora’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2010.