A revista 'Psicoloxía Conductual' publica un estudo da USC sobre o consumo de cocaína
A drogodependenza é un tipo de adicción recorrente pero tratable. Non obstante, non todas as persoas drogodependentes evolucionan igual ao deixar o consumo de drogas. Un novo estudo mostra que, no caso da cocaína, unha puntuación alta na chamada ‘Escala de craving’ (ansia ou desexo de consumo), unha personalidade antisocial e ter consumido heroína son os principais factores para recaer no seu consumo.
‘Coñecer as variables relacionadas cos resultados do tratamento permite que as persoas poidan recibir un trato específico, reducir a probabilidade de que abandonen o procedemento, que deixen de consumir e que non recaian’. Estos eran os obxectivos do novo estudo, segundo explica Ana López, a autora principal e investigadora da USC.
No estudo, publicado na revista española ‘Psicología Conductual’ analízanse as variables significativas (sociodemográficas, psicopatolóxicas e características do consumo de cocaína e outras substancias) que explican a presenza de consumos de cocaína despois de dous anos de demanda de tratamento.
Unha puntuación alta na ‘Escala de craving’ ao inicio do tratamento (que mide a ansia ou desexo de consumir drogas), un patrón de personalidade antisocial e ter consumido heroína algunha vez na vida son os principais factores para volver a consumir cocaína. Por elo, ‘é fundamental realizar unha avaliación previa da historia de consumo e dos patróns de personalidade’, afirma a investigadora.
Os investigadores analizaron unha mostra formada por 38 persoas (35 homes e 3 mulleres cunha idade media de 31 anos e que comezaron o tratamento por problemas co consumo desta substancia nos centros de drogodependenzas de Galicia) ao inicio da terapia, e dous anos despois. Segundo o traballo, a impulsividade e a busca de sensacións tamén son factores relacionados co consumo de substancias. ‘Non é estrano que as persoas que probaron substancias como a heroína, unha substancia cun amplo rexeitamento social, puntúen alto en impulsividade e busca de sensacións. Ao mesmo tempo, estes rasgos son característicos do patrón de personalidade antisocial’, explica Ana López.
Ademais, os autores salientan que, en contra do que se cría ata o de agora, a existencia de depresión ou ansiedade ao inicio do tratamento, non ten por qué indicar peores resultados a longo prazo. Con frecuencia, estes síntomas son consecuencia do consumo de cocaína e, unha vez que deixa de consumir, a sintomatoloxía empeza a mellorar.
Aínda que aumentaron as demandas de tratamento por problemas co consumo de cocaína nos centros españois de drogodependenzas, aínda son escasos os estudos que analizan a evolución no tratamento dos consumidores. De aí a importancia deste tipo de investigacións.