Ir o contido principal

Ricardo Carvalho Calero, 50 anos do primeiro catedrático de Lingüística e de Literatura Galega da USC

O volume compila a poesía, o teatro e a narrativa completas do que fora catedrático da USC. FOTO: Santi Alvite
O volume compila a poesía, o teatro e a narrativa completas do que fora catedrático da USC. FOTO: Santi Alvite
A presentación no Paraninfo dun volume sobre a obra literaria do profesor serviu para homenaxear as múltiples facianas deste creador, crítico e historiador da literatura, gramático e lingüista; mais tamén planificador da lingua, sempre preocupado pola estandarización do galego
Santiago de Compostela

O 25 de marzo de 1972, o profesor Ricardo Carvalho Calero tomou posesión do seu cargo como primeiro catedrático de Lingüística e de Literatura Galega da USC. Cincuenta anos despois, un acto institucional celebrado no Paraninfo e presidido polo reitor Antonio López, lembra esta efeméride e rende tributo á figura do profesor Carvalho, creador literario, crítico e historiador da literatura, gramático e lingüista; mais tamén planificador da lingua, sempre preocupado pola estandarización do galego.

A presentación do volume Ricardo Carvalho Calero. Obra literaria: poesía, teatro e narrativa, de Manuel Castelao Mexuto e María Pilar García Negro, serviu de marco para homenaxear a este escritor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2020. Ademais do reitor e dos autores do libro, interviñeron no acto Miguel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; e a editora Carmela González Boo.

Carvalho e a USC

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) chegou a Santiago en 1926, con só dezaseis anos, a estudar a carreira de Dereito e converterse axiña nun destacado líder estudantil. Mostra do seu activismo é o discurso que pronuncia na solemne inauguración do curso 1930-1931, no que reclama a galeguización da universidade. “Aspiramos a crear unha vida universitaria autenticamente galega; aspiramos a obter un espírito galego na aulas da Universidade”, afirmaba xa Carvalho naquela altura.

Rematada a súa etapa estudantil e tras unha longa paréntese caracterizada maiormente pola represión franquista, Carvalho regresa ás aulas da USC o 17 de maio de 1963, precisamente con ocasión do acto académico co cal a institución compostelá celebraba o primeiro Día das Letras Galegas, acabado de instituír. Carvalho aborda a figura de Rosalía de Castro, a instancias dun grupo de estudantes mozos, entre os que se atopan Carlos Casares, Arcadio López Casanova, Xohana Torres ou Salvador García Bodaño, e que consideran ao profesor ferrolán como un referente nos estudos galegos.

Só dous anos máis tarde, levantada a inhabilitación como funcionario, Carvalho ingresa como primeiro profesor de lingua e literatura galegas na Facultade de Filosofía e Letras, que acollía por primeira vez estes estudos no seu currículo académico. No marco desa actitude vital, encádrase a implicación de Carvalho no movemento reintegracionista. O profesor desenvolve unha intensa actividade nesta liña, que pasa a ocupar un lugar central na etapa final da súa vida.

O volume Ricardo Carvalho Calero. Obra literaria: poesía, teatro e narrativa compila a poesía, o teatro e a narrativa completas do que fora catedrático da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2022.