Ir o contido principal

Rigueiro ve “escasa e bastante deteriorada” a representación dos bosques naturais existentes na actualidade

Estudantes do IES Becerreá, na sesión divulgativa sobre os bosques de Galicia
Estudantes do IES Becerreá, na sesión divulgativa sobre os bosques de Galicia
O catedrático da USC e a investigadora Esther Fernández analizan en Becerreá os bosques galegos no ciclo ‘A conservación do medio natural, tarefa común’

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC e profesor na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Antonio Rigueiro Rodríguez, afirmou este martes en Becerreá que “a actividade humana, prehistórica e histórica minguou cuantitativa e cualitativamente os nosos bosques naturais, permitindo que chegara ós nosos días soamente unha representación dos mesmos escasa e, con frecuencia, bastante deteriorada”.

Rigueiro Rodríguez, que realizou estas declaracións no marco dunha sesión de divulgación científica celebrada ao abeiro do ciclo ‘A conversación do medio natural, tarefa común’, salientou que “a alta produtividade forestal potencial de moitas comarcas galegas propiciou a repoboación forestal fundamentalmente con especies foráneas de rápido crecemento, como piñeiros e eucaliptos, creándose así masas arboradas artificiais que caracterizan a paisaxe galega en extensos territorios” . Antonio Rigueiro Rodríguez, acompañado por Esther Fernández Núñez, investigadora colaboradora do Grupo Sistemas Silvopastorais da USC, disertou sobre a temática dos bosques galegos en dúas sesións, unha de mañá para os alumnos do IES Becerreá, e outra vespertina, na Casa de Cultura, con entrada libre para todos os cidadáns e tamén moderada pola xornalista Tamara Raposo Injerto. O catedrático Antonio Riguero fixo fincapé durante a súa intervención en que “as circunstancias mesolóxicas actuais de Galicia favorecen a instalación dos bosques como vexetación natural climática ou máis evolucionada na maior parte do noso territorio, que se reparte, desde un punto de vista florístico, entre dúas rexións ou dominios do Reino Holártico”. Estas rexións, engadiu Rigueiro, son a Rexión Nemoral Eurosiberiana, na que dominan os bosques estivifolios de folla caediza, e a Rexión Mediterránea, escasamente representada en Galicia e con dominio de bosques perennifolios esclerófilos. A investigadora Esther Fernández tratou polo miúdo na súa intervención os sistemas silvopastorais, aqueles que combinan o arborado co gando. Verbo deles, destacou que “son un bo sistema de prevención dos incendios forestais se se deseñan e manexan axeitadamente, de forma que o gando controle o combustible vexetal que medra baixo das árbores no sotobosque”. Esta colaboradora do Grupo Sistemas Silvopastorais da USC remarcou que “estes sistemas silvopastorais teñen importancia económica notable, ao produciren, a curto prazo, beneficios tanxibles complementarios aos da madeira, pois engádese a produción de carne á da madeira”. A cita de Becerreá é a décima que se celebra dentro das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’ , organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. Este ciclo está a celebrarse en 20 concellos vinculados ó Camiño de Santiago e a próxima cita será este mércores 29 de outubro en Caldas de Reis, onde se analizarán as posibilidades de aproveitamento das plantas medicinais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2014.