Ir o contido principal

O rodaballo, primeiro vertebrado secuenciado en España

Paulino Martínez, no centro, co resto de integrantes do grupo Acuigen da USC, no campus de Lugo. Na imaxe superposta, os tres integrantes do grupo que traballan en Santiago
Paulino Martínez, no centro, co resto de integrantes do grupo Acuigen da USC, no campus de Lugo. Na imaxe superposta, os tres integrantes do grupo que traballan en Santiago
Científicos da USC e do CSIC lideraron a identificación dos xenes desta especie, que dá pistas sobre a súa resistencia a enfermidades

O primeiro vertebrado secuenciado xeneticamente en España, o rodaballo (Scopththalmus maximus), ten un sistema visual moito máis refinado que o doutros peixes, xa que evolucionou para adaptarse á escaseza de luz dos fondos mariños. Ademais, os seus xenes falan da graxa das súas membranas celulares, que tamén duplica a doutras especies para poder soportar as baixas temperaturas das augas onde vive.

A secuenciación completa do xenoma deste pez, levada a cabo por científicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o Centro Nacional de Análise Xenómica de Barcelona, sacou agora á luz esta e outras conclusións. O traballo abre novas portas a investigar non só a resistencia do rodaballo a distintas enfermidades senón tamén a profundar en cómo outros peixes responden a estas patoloxías. Os resultados, publicados na revista DNA Research, poderían chegar a empregarse no futuro deseño de programas de selección xenética ou posibles vacinas.

No que se refire ao seu crecemento, diferenciación sexual e resistencia ás enfermidades, os científicos puideron identificar os xenes implicados máis importantes, e mesmo qué zonas concretas do xenoma están relacionadas con estes rasgos produtivos. “Esta información é esencial para desenvolver programas de selección xenética máis eficientes coa fin de identificar aqueles reprodutores coas mellores características produtivas”, destaca o catedrático e investigador da USC Paulino Martínez.

O rodaballo, de corpo aplanado, forma romboide e con ollos no lado esquerdo, sofre un proceso de metamorfose durante o seu desenvolvemento, momento en que pasa a presentar a distribución corporal atípica dos peixes planos. Por esta condición, vive nos fondos mariños, o que implicou que se tivese que adaptar a condicións de escaseza de luz e augas máis frías.

“Observamos que moitos dos xenes implicados na visión, principalmente aqueles que codifican para pigmentos e os relacionados coa formación do cristalino, están duplicados neste vertebrado con respecto a outros peixes, o que indicaría que evolucionou para refinar o seu sistema visual adaptándose ás condiciones de pouca luz que o rodean”, indica Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) de Vigo.

Para tolerar esas baixas temperaturas, o rodaballo ten varios xenes relacionados cos ácidos graxos das membranas celulares duplicados, en comparación a outros organismos que viven a temperaturas máis altas. A composición lipídica destas membranas é un factor clave á hora de soportar o frío.

Galicia, á cabeza
España é o principal produtor europeo de rodaballo de acuicultura, e o 99% desta produción ten lugar en Galicia. Segundo un informe da Asociación Empresarial de Produtores de Cultivos Mariños, a produción de rodaballo en Europa alcanzou as 11.000 toneladas en 2014, un 38,3% máis alta que en 2013. Ese mesmo ano, o valor estimado da produción en Europa foi de 75,6 millóns de euros.

Aínda que na actualidade o cultivo do rodaballo está ben establecido, os principais problemas cos que se poden enfrontar os acuicultores están relacionados coa susceptibilidade desta especie a diversas enfermidades de orixe bacteriana, vírica ou parasitaria; patoloxías para as que non existen aínda vacinas ou tratamentos eficaces.

Outro dos retos aos que se enfronta o sector é poder acurtar o tempo no que os exemplares deste peixe alcanzan a talla comercial. “Isto podería potenciarse facendo selección xenética daqueles xenes implicados no crecemento e na diferenciación sexual, xa que as femias posúen unha maior taxa de crecemento en comparación cos machos”, agrega Martínez.

Paulino Martínez, catedrático da USC e director do Acuigen

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2016.