Ir o contido principal

Rodríguez Fer participa este martes nunha homenaxe a Rosalía en Nova York co gallo dos 150 anos de ‘Cantares Gallegos’

Claudio Rodríguez Fer, nunha anterior visita a Manhattan
Claudio Rodríguez Fer, nunha anterior visita a Manhattan

O escritor e profesor do Departamento de Literatura Española da Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Humanidades do campus de Lugo Claudio Rodríguez Fer participará este martes, día 5 de novembro, en Nova York, nunha homenaxe a Rosalía de Castro e á emigración galega que cantou co gallo da conmemoración do 150 aniversario da publicación de ‘Cantares Gallegos’.

Rodríguez Fer será o encargado de pechar este acto, organizado polo colectivo Celso Emilio Ferreiro, na centenaria Spanish Benevolent Society, coñecida como A Nacional. Esta entidade, fundada en 1868 e con sede en Manhattan, ten acollido ao longo da súa historia a visita de importantes persoeiros do mundo da cultura e das artes, entre os que cómpre citar a Picasso, Lorca ou Buñuel. A intervención de Rodríguez Fer nesta homenaxe conmemorativa dos 150 anos de ‘Cantares Gallegos’ estará centrada na presentación do poema ‘Revolución rosaliana en Nova York’, cuxa temática fai alusión aos emigrantes e exiliados na cidade dos rañaceos. O xornalista de orixe galaica Arturo Robert Conde, experto coñecedor da chamada Little Galicia e da inmigración galega en Nova York, será o encargado de abrir este acto de homenaxe cun relatorio sobre a historia da presenza dos galegos nos Estados Unidos e no que se postulará sobre a necesidade de recuperar a identidade e a cohesión deste colectivo. O emigrante Francisco Álvarez Koki, autor do libro ‘Ratas en Manhattan’ e que tamén escribiu distintos poemarios e obras de narrativa en galego e castelán durante as décadas que permaneceu traballando e vivindo e Nova York, e o sociólogo Dino Paco Lindín, nado na Pastoriza e establecido na cidade estadounidense desde hai décadas, serán outros dos persoeiros que participen como relatores nesta homenaxe a Rosalía de Castro. Rodríguez Fer volve recitar este ano en Nova York, onde xa presentara hai meses a tradución ao inglés do seu libro ‘Tigres de ternura’ / ‘Tender Tigers’. Asemade, o convite recibido para participar neste acto permitirá tamén ao profesor e escritor lugués lembrar recordos e experiencias da súa estadía como profesor visitante na City University of New York no ano 1992.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2013.