Ir o contido principal

A Rof Codina normaliza o marco laboral coa sinatura dun acordo entre a Xerencia e o cadro de persoal

Entrada ao hospital veterinario universitario Rof Codina
Entrada ao hospital veterinario universitario Rof Codina
Os representantes dos traballadores acordaron tamén coa Xerencia da fundación iniciar a negociación dun convenio colectivo propio para traballadores do hospital veterinario
Lugo

Os traballadores da Fundación Rof Codina contarán, dende o vindeiro luns 8 de maio, cun marco laboral que avanza cara a normalización grazas ao acordo asinado este xoves entre a Xerencia da fundación e a representación dos traballadores, neste caso composta por Almudena Graña e José Luis Arias, da CIG, e Mónica Vila, de CC.OO.

Este acordo supón un primeiro paso esencial para superar unha situación na que a ausencia dun convenio colectivo xera unha falta de definición en termos de xestión á hora de regular a relación laboral dos traballadores da Fundación Rof Codina, segundo salientaron as partes implicadas.

Convenio colectivo

Unha vez asinado este primeiro acordo, e co claro obxectivo de contar cunha ferramenta esencial en termos de xestión no marco laboral como é un convenio colectivo propio, a Xerencia da Fundación Rof Codina tamén acordou coa representación dos traballadores iniciar a negociación dun convenio específico para o persoal que presta servizos no hospital veterinario

Contratos VIR

O proceso de selección relativo aos 11 contratos de formación ofertados pola Rof Codina para a obtención da práctica profesional de persoal veterinario (programa formativo como Veterinarios/as Internos/as Residentes ou VIR) avanza cara a súa resolución, polo que é previsible que se poidan formalizar os contratos no mes de maio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2023.