Ir o contido principal

Rosa Romero destaca a saída comercial das plantas medicinais e a súa crecente presenza en distintos sectores industriais

Estudantes do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis
Estudantes do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis
Romero e Barros Camba abordaron en Caldas de Reis os aproveitamentos da plantas medicinais no ciclo divulgativo ‘A conservación do medio natural, tarefa común’

A profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Rosa Romero Franco, puxo de manifesto hoxe en Caldas de Reis o interese que actualmente teñen as plantas medicinais, sobre todo pola gran saída comercial e pola súa presenza crecente en moitas industrias: farmacia, fitoterapia, perfumería, cosmética, dietética, sector alimentario, funxicidas e insecticidas, etc.

Romero Franco afirmou que esta importancia vén abalada “por varios indicadores como que o 80% da poboación mundial dos países en vías de desenvolvemento depende dos medicamentos a base de plantas para cubrir as súas necesidades de atención médica primaria”. A profesora da USC achegou, ademais, datos da OMS, segundo os cales os principios activos do 25% dos medicamentos dispensados nas farmacias con receita médica se formulan con principios activos obtidos directamente de plantas e outro 25% formúlanse con substancias transformadas no laboratorio pero que teñen a súa orixe tamén nas plantas. Rosa Romero, acompañada por Ruth María Barros Camba, doutoranda do Departamento de Produción Vexetal da USC, disertaron sobre o potencial aproveitamento das plantas medicinais en dúas sesións de divulgación científica incluídas no ciclo ‘A conservación do medio natural, tarefa común’. A xornalista Raquel Laíño Rodríguez foi a encargada de moderar a intervención das dúas relatoras. As investigadoras da USC deixaron en Caldas de Reis algúns datos para a reflexión, como os referidos a que as vendas anuais de fitomedicamentos están nos 7,5 billóns, mentres que a vendas de medicamentos procesados “supera os 108 billóns anuais”. Isto demostra a importancia deste grupo de plantas, importancia que se ve reforzada na actualidade porque ao uso típico das plantas medicinais sumáronse outros novos. Neste eido Romero e Barros, destacaron o caso dos dermocosméticos formulados a base de extractos de plantas ou o grande impacto que nos mercados teñen hoxe en día os alimentos e bebidas funcionais que conteñen extractos de plantas. As cifras sobre o volume total das plantas que se moven no mercado das plantas medicinais como do diñeiro que no eido mundial xera este tipo de produtos son moi elevadas: “O mercado mundial das plantas medicinais estímase nuns 83.000 mil millóns de dólares, estando a media global de importacións anuais nunhas 400.000 toneladas”, afirmaron as investigadoras. Este mercado tan voluminoso abastécese, segundo indicaron Rosa Romero e Ruth María Barros, fundamentalmente da recolección silvestre nas poboacións naturais. Pero como contrapartida, “como a demanda deste tipo de plantas é crecente ano a ano (arredor do 12% anual) a colleita silvestre, cada vez máis intensa, ten un claro efecto negativo sobre o tamaño das poboacións naturais e incluso sobre a pervivencia dalgunhas das especies mais demandadas”, destacaron. A cita de Caldas de Reis é a décimo primeira que se celebra dentro das xornadas divulgativas A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, que se están a celebrar en 20 concellos vinculados ó Camiño de Santiago. A próxima cita será en Celanova, o xoves 30 de novembro, e versará sobre o tema Paisaxe e territorio, bens de uso comunal. Romeros, Barros e Laíño, durante o relatorio en Caldas de Reis

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2014.