Ir o contido principal

Sae á luz un número monográfico extraordinario da 'Revista Galega de Economía' sobre política rexional e comunitaria

A Revista Galega de Economía, recoñecida publicación interdisciplinar editada pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, acaba de poñer ao acceso do público un número monográfico extraordinario baixo o título xenérico ‘Política Rexional Comunitaria’, dedicado a avaliar as consecuencias para Galicia da integración de España en Europa.
O volume foi apadriñado pola Consellaría de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, cuxa Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios o introduce cun traballo sobre ‘O Marco Estratéxico de Converxencia de Galicia, 2007-2013’.
Coordinados por Manuel Jaime Barreiro Gil, ex decano do centro e membro do seu Departamento de Historia e Institucións Económicas, fan achegas á cuestión autores de pensamento diverso como Camilo Nogueira e Blanco González, os profesores Prada Blanco, Lago Peñas e Armesto Pina, da Universidade de Vigo; Espasa Queralt, da de Barcelona; e González Laxe, da da Coruña, xunto cun elevado número de docentes e investigadores da USC procedentes de facultades e escolas dos seus dous campus de Lugo e Santiago.
Entre todos eles achegan análises e avaliacións referidas a asuntos financeiros, macroeconómicos, agrarios, da funcionalidade espacial da actividade económica e máis da estratexia territorial europea, da cohesión social, da competitividade empresarial, da pesca, da situación enerxética galega no contexto europeo e mesmo da evolución do mercado de traballo ao abeiro do novo contexto europeo.
A Revista Galega de Economía adiántase así a avaliar “un tempo de cambio e renovación pero, -matiza o codirector da revista, Fausto Dopico,- en calquera caso, frontispicio dunha Galicia contemporánea fondamente transformada”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2009.