Sánchez Piñón presenta este venres no Cactus a segunda edición do proxecto de divulgación científica ‘Unha cebra na auga’
A catedrática de universidade e integrante do grupo de investigación Acuigen do Departamento de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela, Laura Sánchez Piñón, presentará este venres, a partir das 12.00 horas, no edificio Cactus do campus de Lugo, a segunda edición do proxecto de divulgación científica ‘Unha cebra na auga’, dirixido a estudantes de cuarto curso da ESO.
O proxecto ‘Unha cebra na auga’, promovido polo grupo Acuigen da USC e que na súa primeira edición conseguiu implicar a escolares de 20 centros educativos de Galicia, volve contar con financiamento da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) nesta segunda convocatoria, na que os seus promotores buscan aumentar o número de centros educativos e de estudantes implicados nesta iniciativa orientada a fomentar e xerar novas vocacións científicas. Sánchez Piñón aproveitará a presentación deste programa de promoción do método científico que toma como exemplo o modelo biolóxico do peixe cebra, para informar dos cambios experimentados nesta convocatoria, así como para avanzar outras cuestións relativas ao desenvolvemento do programa ou aos prazos de solicitude e inscrición no mesmo. A responsable do proxecto ‘Unha cebra na auga’ estará acompañada no acto de presentación do programa por representantes das distintas entidades e empresas que prestan apoio a esta iniciativa. Entre os colaboradores atópase a Vicepresidencia Segunda da Deputación de Lugo, a Fundación TIC e a Fundación Barrié, ademais das empresas Inteligencia Visual, unha firma de base tecnolóxica que desenvolveu un simulador pedagóxico, e Geneaqua, unha spin off da USC que xa participou na primeira edición do programa a través dun proxecto de emprendemento.