Santiago acolle o primeiro curso internacional sobre o biocarbón como recurso sustentable ambiental e economicamente

O biocarbón é un material sólido obtido da carbonización da biomasa que se pode engadir aos solos coa intención de mellorar as súas funcións e reducir as emisións dos gases de efecto invernadoiro. Para estudar o seu uso como recurso para a sustentabilidade do medio ambiente e o desenvolvemento económico, a USC xunto coa Iniciativa Internacional Biochar e a Sociedade Española da Ciencia do Solo organizan o primeiro curso internacional sobre esta temática. Entre os días 26 e 28 deste mes de xuño a Universidade de Santiago reune numerosos especialistas que estudarán en profundidade as potencialidades deste recurso para a terra, incluíndo as súas múltiples e diversas vantaxes pero tamén os seus riscos potenciais. O encontro comezou na sede da Fundación Empresa-Universidade de Galicia (FEUGA) coa intervención de Saran Sohi, do UK Biochar Research Centre, que fixo unha introdución á produción do biochar (biocarbón) e os seus usos. Como relatores e relatoras participan ademais Marta Camps, do New Zealand Biochar Research Centre; Stefan Jirka, da International Biochar Initiative; Samir Binder e Fabian Stenzel, da Fraunhofer UMSICHT; e Maria Luz Cayuela, do CSIC.