Ir o contido principal

Santiago acollerá o segundo encontro galego-portugués de biometría aplicada á ecoloxía e ás ciencias da saúde e do medio ambiente

As sociedades estatísticas galega e portuguesa desenvolverán entre o 30 de xuño e o 2 de xullo deste ano na Facultade de Matemáticas o II Encontro Galaico-Portugués de Biometría, con aplicación á ecoloxía e ás ciencias da saúde e do Medio Ambiente.

Dirixido a profesionais e usuarios da estatística, académicos, investigadores e estudantes de doutoramento e máster, o principal obxectivo do congreso é difundir os últimos avances no desenvolvemento e aplicación de métodos estatísticos e matemáticos na Bioloxía, Medicina, Ecoloxía, Psicoloxía, Farmacoloxía, Agricultura, Medio Ambiente e outras ciencias da Vida.

Esta segunda cita que organizan a Sociedade Portuguesa de Estatística (SPE) e a Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) é unha continuación de dous encontros previos celebrados en Portugal, o I Encontro Luso-Galaico de Biometría que tivo lugar en 2013 en Braga e o I Encontro Luso-Galaico de Estatística no Medio Ambiente e na Ecoloxía (EES2014) de 2014 en Vila Real.

As dúas entidades organizadoras teñen programado, no transcurso do evento científico, o curso ‘Análise de Supervivencia’ que se impartira o día 30 de xuño. Para ambas a dúas citas o prazo de inscrición xa está aberto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2016.