Ir o contido principal

Santiago atópase entre as dez universidades españolas cun maior compromiso medioambiental

No posto 149 do mundo, o GreenMetric University Ranking compara o esforzo de máis de 360 universidades de 62 países en materia de sustentabilidade e xestión ambiental

O GreenMetric University Ranking, clasificación que compara os esforzos de máis de 360 universidades de 62 países en materia de sustentabilidade e xestión medioambiental dos seus campus, sitúa á Universidade de Santiago no posto 149. Nesta listaxe figuran un total de 21 universidades españolas, de entre as que a de Santiago é a única galega e a novena de España. Para o cálculo dos resultados finais asignados a cada institución utilizouse a información proporcionada en liña polas propias universidades. Nesta edición, a información se organiza baixo seis categorías principais, entre os que o de maior valor é o relativo á xestión do uso da enerxía e cambio climático (21% da nota final), seguido polas actividades de tratamento e reciclaxe de residuos (18%), políticas de transporte e emisións á atmosfera (18%), presenza da cuestión ambiental na actividade docente (18%), estatísticas sobre axustes e infraestruturas (15% da nota total) e utilización da auga (10 % ). Nesta clasificación a universidade española mellor posicionada é a de Alcalá (posto 28), seguida por Autónoma de Madrid (33), Autónoma de Barcelona (44), Politécnica de Valencia (63), Zaragoza (89), Jaume I (101, Barcelona (110), Oviedo (123), USC e Valencia (170) que se sitúan como as dez primeiras, e seguidas por Valladolid, Navarra, Rovira i Virgili, Salamanca ou Granada, entre outras, ata un total de 21 universidades. Para a súa elaboración, seleccionáronse unha serie de criterios relacionados coa sustentabilidade e valorados tendo en conta o tamaño básico da institución, o seu emprazamento (urbano, suburbano ou rural) e o grao de espazos verdes de que dispón. Entre os datos valorados, tamén se avaliou o consumo de electricidade, auga ou xestión de refugallos, entre outras cuestións. O obxectivo é alcanzar unha imaxe de como a universidade está respondendo ou afrontando os requirimentos da sustentabilidade a través de programacións ou accións concretas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.01.2015.