Ir o contido principal

Santiago de Compostela, unha cidade a medio camiño entre o seu gran atractivo turístico e a incapacidade para promover un desenvolvemento económico suficiente

Yolanda García, segunda pola dereita, xunto aos integrantes do tribunal
Yolanda García, segunda pola dereita, xunto aos integrantes do tribunal
Yolanda García Vázquez analizou na súa tese de doutoramento se o desenvolvemento económico cultural de Santiago en relación coa súa imaxe é un éxito ou un fracaso

O turismo en Santiago converteuse nunha función básica na súa economía como apunta o feito de que a cidade recibira no período 2009-2011 un total de 635,1 viaxeiros por cada 100 residentes. Para ese mesmo período a taxa relativa a España é de 173,4 por cada 100 habitantes e en Galicia de 125,7. Esta capacidade propiciou que Compostela se convertera nun lugar pensado para os turistas e para a industria de servizos asociada pero pouco atractiva para atraer novos habitantes. Neste senso, a investigadora Yolanda García Vázquez considera que a imaxe construída e difundida a través de internet –cunha oferta audiovisual centrada no turismo e a estética monumental, xunto á recreación de tópicos culturais de corte relixioso, asociados á gastronomía, a meteoroloxía ou a música– “non foi capaz de promover un desenvolvemento económico suficiente para superar o alto nivel de desemprego e o estancamento demográfico tradicional”. Na investigación desenvolvida no marco da súa tese de doutoramento, a doutora García Vázquez tratou de analizar se o desenvolvemento económico cultural de Santiago en relación coa súa imaxe é un éxito ou un fracaso. Yolanda García considera que a imaxe de Santiago é exemplo da ‘cidade como espectáculo’ e un caso de éxito dende o punto de vista turístico que se fundamenta na recreación dunha imaxe “única, idílica, romántica e idealizada, que se presenta como un produto de consumo aos ollos de millóns de turistas”. Non obstante, arredor da conformación desta imaxe pública, a doutora García Vázquez identifica unha dicotomía, “puidemos comprobar que o turismo en Santiago é un éxito en cifras de visitantes anuais, pero tamén puidemos comprobar cómo a cidadanía denuncia graves problemas especulativos co prezo dos locais comerciais e da vivenda, a expulsión das familias residentes no casco histórico, coa destrución do comercio e artesanía tradicional e co tráfico e a masificación turística”. Na opinión da investigadora, a ‘cidade como espectáculo’ converteuse “nun fracaso para os propios cidadáns”. Neste escenario social, a investigación realizada por Yolanda García lembra que as estatísticas constatan un estancamento demográfico e unhas taxas de desemprego estrutural durante as últimas décadas. “Santiago ten un desemprego estrutural en torno a os 8.000-10.000 parados no seu propio municipio e entre 15.000 e 20.000 na súa área de influencia”, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística consultados pola investigadora. Para atraer visitantes á cidade, a web de promoción turística local difunde “unha imaxe coidada e centrada na estética”, con audiovisuais en formato vídeo e galerías fotográficas en tres dimensións que recrean os atributos estéticos, sen unha mensaxe oral. Fronte isto, Yolanda García resalta que é “especialmente interesante observar como non son visibles nin se ofrecen recursos audiovisuais relativos á promoción da industria local, dos seus recursos educativas ou da universidade,”. En conxunto, a imaxe de Santiago construíuse a partir dun “discurso político, técnico e histórico que se fundamenta no patrimonio, na monumentalidade do casco histórico, na tradición e historia de Santiago como sepulcro do Apóstolo e o seu significado relixioso ou na tradición xacobea” e que se recrea na espiritualidade, a estética dos monumentos e os seus tópicos asociados. “Estamos ante un caso de ‘planificación distorsionada’ pola estética e os interese políticos dos sucesivos gobernos municipais”, conclúe Yolanda García. Turismo sustentable Como contrapunto a esta situación, a investigadora aposta por un turismo sustentable. “que pasa inevitablemente por frear os procesos de degradación de recursos sociais e culturais” e por sinalar “límites de capacidade a acollida, marcar estratexias a longo prazo e aprender da experiencia”. Como explica García Vázquez o turismo sustentable é o que logra satisfacer as necesidades do turista actual sen comprometer as necesidades das xeracións vindeiras e da sociedade en xeral. Esta visión “implica necesariamente minimizar os impactos culturais e sociables negativos, optimizar os beneficios económicos minimizando o impacto medioambiental a través duna axeitado planeamento”, engade Yolanda Vázquez. A tese de Yolanda García, titulada ‘La ciudad como espectáculo. Marketing territorial, Internet y economía cultural en Santiago de Compostela. Éxito o fracaso?’, foi cualificado cun sobresaliente por unanimidade. Conformaron o tribunal avaliador o catedrático Patrick O’Flanagan, do University College Cork; a catedrática Josana Seguí, da Universitat des Illes Balears; o catedrático Xosé López, da USC; o profesor de Socioloxía Manuel Campo, da Universidade da Coruña; e o profesor Miguel Pazos, da USC. Dirixiron este traballo de investigación Xosé Manuel Santos Solla e Carlos Ferrás.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.01.2014.