Santiago de Compostela súmase un ano máis ao evento internacional Pint of Science

Pint of Science, o festival de divulgación científica que propón un encontro entre persoal investigador e público nos bares, chega hoxe luns a 57 cidades de España, entre elas Santiago de Compostela, no seu cuarto ano consecutivo. Nesta edición –que se celebra dende hoxe ata o mércores 16- son en total 308 charlas en 105 bares, coa participación de 730 científicos como relatores.
O festival en Compostela terá lugar os tres días ás 20.00 horas na Nave de Vidán (entrada de balde) e nel participarán convidados de recoñecido prestixio internacional, que falarán de temas de actualidade como o cambio climático e o efecto que ten o clima nos seres humanos; a obesidade como a enfermidade pandémica do século XXI ou a prisión permanente revisable e a reinserción de delincuentes como utopía ou realidade. Ademais, as charlas intercalaranse con actividades de ciencia cidadá, nas que o público de todas as idades poderá sentirse partícipe de primeira man dalgún proxecto ou experimento científico.
O programa
O Pint of Science en Santiago comeza este luns coas intervencións 'Sete xigantes na palma da man' de Nieves Pilar Vidal González (CSIC); 'Trump non o cre, e ti?' de Susana Bayo Besteiro (UVigo); e ¿Que lle di un esqueleto a outro? de Olalla López Costas (USC).
O martes as charlas serán 'O teu cerebro engórdache?: Historia de ratos e de humanos' de Rosa Mª Señaris (USC); 'Alimentación no século XXI: ademais de gordos, parvos?' de José L. Pardo (UDC); e 'A obesidade, a nova epidemia do XXI' de Fernando Cordido (CHUAC).
O mércores, último día do festival, falarase de 'Que pode contarnos a xenética forense?: CSI, verdades e mentiras' de Victoria Lareu (USC); 'A reinserción do delincuente: realidade ou utopía' de Xosé Antón Gómez (USC); e 'A prisión permanente revisable' de Miguel Abel Souto (USC).