Santiago convértese entre os días 8 e 31 de maio en capital do teatro universitario galego

Entre o 8 e o 31 de maio próximos celebrarase a XIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia da USC coa participación dun total de 14 compañías que porán en escena 15 obras teatrais. Esta edición supón ademais o inicio da actividade de tres novas compañías xurdidas a partir da actividade da Aula de Teatro da USC. O programa da mostra presentárono este xoves 3 na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca o director da Mostra, Roberto Salgueiro; e o responsable da área de Cultura da USC, Pablo Sampedro. Todas as funcións, de carácter gratuíto previo paso polo despacho de entradas (ata un máximo de días por persoa), celebraranse a partir das 21.00 horas nas salas Roberto Vidal Bolaño, no Teatro Principal e no Salón Teatro. Artías Teatro abrirá o ciclo o martes 8 coa representación na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño de ‘Memoria de Helena e María’ de Roberto Salgueiro. Tiktak tomará o relevo os días 9 e 10 de maio coa obra ‘TIKeTAK, unha historia de amor reloxil’ de Mayra Fernández. A Mostra desprázase a continuación ao Teatro Principal con similar horario. Neste escenario a Aula de Teatro do Campus de Lugo porá sobre as táboas o luns 14 ‘Na túa cara – In yer face’, unha dramaturxia libre sobre textos de L. Carrol e S. Kane. Ao día seguinte, martes 15, o grupo Maricastaña da Aula de Teatro Universitario de Ourense recrea ‘Un novo mundo feliz’, dramaturxia libre a partir de Un mundo feliz de Aldous Huxley. Entre os días 21 e 30 de maio de xeito ininterrompido o festival trasládase ao Salón Teatro, onde abrirá a quenda Tolemia Teatro representando ‘Teatro: obras completas’ de autoría colectiva. O día 22 Teatro Os Sigillatos Galaicos presentará ao público ‘Aliza G.’ De Jorge Moreno, ao que lle seguirá o mércores 23 Teatro da Falúa e a súa obra ‘Falúa’s flying circus’, obra de creación colectiva. Pinchacarneiro Teatro será o protagonista o día 24 coa representación de ‘Baixarse ao moro’, adaptación de Bajarse al moro de J.L. Alonso de Santos, mentres que Artías Teatro fará o propio o venres 25 con ‘(Comisaría) para mulleres’ de Albert Millares. ‘Nosa Señora das Nubes’ de Arístides Vargas é o título da obra que subirán ao escenario a Aula de Teatro da Universidade da Coruña o día 26 de maio, e ‘Aforro ordinario’ de Inma Antonio o día 27 a cargo de Arte Maior. NNC trae ao público o 28 de maio a escenificación de ‘Pim, pam, clown’, de Tomás Afán, mentres que ENLATA Teatro ofrece o 29 de maio a súa interpretación de ‘Turandot’ a partir do texto de Bertold Brecht . O día 30 de maio Mequetrefes leva a escena ‘Folie à trois: paranoia compartida’, de autoría colectiva. A clausura deste Mostra celebrarase na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño da man da Aula de Teatro da USC que representará ‘Comedia famosa do cabaleiro de Olmedo (escrita por Francisco de Monteser e editada no ano 1651 en Alcalá, con algunha adición respectuosa para a súa posta en escena)’ de Francisco de Monteser. Unha vez rematada a quenda de representacións, a Mostra entregará o día 1 de xuño nun acto no Salón Nobre do Colexio de Fonseca os premios correspondentes ás mellores montaxes, direccións de escena, actores e actrices, espazos escénicos e vestiarios. O xurado estará integrado por Roberto Leal, Ernesto Chao, Marcos Correa e Nuria Sanz. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina da Aula de Teatro da USC en http://auladeteatrodausc.wordpress.com/