Santiago é das universidades españolas que máis solicitudes de patentes xestionou entre 2000 e 2011

A Universidade de Santiago atópase entre as universidades españolas que máis solicitudes de patentes nacionais xestionou no período comprendido entre 2000 e 2011, cun total de 222 solicitudes. Este volume sitúaa no quinto posto das institucións universitarias españolas, superada polas universidades politécnicas de Catalunya, Madrid e Valencia e pola de Sevilla. Aínda que o total de solicitudes se reparte de xeito equitativo ao longo dos once anos, rexístrase un incremento destacado nas xestionadas entre 2008 e 2011. Este é, como se sinala no último informe da Fundación Conocimiento y Desarrollo, un indicador de estendida aceptación que mide os esforzos de investigación en relación coa orientación comercial dos resultados. O resultado da Universidade compostelá se mantén no capítulos das solicitudes de Patentes conforme ao Tratado de Cooperación en materia de Patentes (PCT), unha forma de garantir a protección internacional das invencións ao tempo que permite aproximar cun so indicador os esforzos das universidades españolas en innovación así como o seu grao de exposición internacional. Así, a USC é a cuarta universidade española que máis solicitudes de patentes PCT presentou entre 2004 e 2011, con 81 solicitudes, preto das politécnicas de Madrid (95), Valencia (90) ou da de Sevilla (127). Neste capítulo salienta que a USC é a segunda de España que máis solicitudes tramitou en 2011, con 24, tras Sevilla con 26. Segundo o mesmo informe da Fundación CYD e no apartado dos resultados da investigación universitaria, a USC atópase entre as primeiras universidades de España en canto á concesión de tramos de investigación ou sexenios outorgados aos investigadores cunha valoración positiva con relación a súa produción científica. O informe apunta que o número de tramos que acumula unha universidade é “tamén un bo indicador da orientación e calidade da súa actividade investigadora”. Aos investigadores da Universidade de Santiago concedéronlle 284 tramos en 2011, unha cifra semellante á Universidade de Barcelona e só superada pola Complutense de Madrid que encabeza a lista con 497 tramos concedidos. A posición da USC ascende ata o primeiro posto ao analizar o número de tramos concedidos por cada 100 PDI no curso 2010-2011, e que foi de 15. Spin-off No posto 11 dunha lista de 48 universidades que máis Proxectos de Investigación e Desenvolvemento xestionaron en 2011, a de Santiago de Compostela mantén posicións destacadas en canto á transferencia de resultados de investigación ao tecido económico e empresarial. É a sexta de toda España que máis spin-off creou nese mesmo ano, catro en total, moi preto da Autónoma de Barcelona (5) e da de Sevilla (6) e por detrás da Universidade de Granada (7), da Euskal Herriko Unibertsitatea (8), e da Politécnica de Madrid (17). A estas empresas de base tecnolóxica da USC estarían vinculados un total de 9 investigadores. Calidade investigadora Nun contexto xeral no que se inclúen preto de 150 organismos e institucións dedicados á investigación, entre universidades, administración pública, institución sanitarias e centros tecnolóxicos de toda España, a USC se sitúa en postos intermedios. Nesta listaxe xeral, con respecto ao ránking de alcance mundial, a Universidade de Santiago é a 472 de todo o mundo atendendo á súa produción científica con 7.507 documentos. O índice de citación por documento é de 6,12, mentres que o tanto por cento de publicacións en revistas de primeiro cuartil do seu campo é do 53,43 por cento ou o 40,34 por cento de publicacións asinadas en colaboración internacional. Neste aspectos, a de Santiago é a universidade galega mellor posicionada. O principal obxectivo do Informe CYD 2012 é analizar a importancia que teñen as universidades na economía e sociedade españolas, tanto polo seu peso específico como polo papel que desempeñan no desenvolvemento da economía do coñecemento a través, basicamente, da transferencia de tecnoloxía ao sistema produtivo e da formación de capital humano.