Ir o contido principal

Santos Juliá presenta en Historia o seu libro Camarada Javier Pradera

O historiador Santos Juliá ofrecerá este xoves 23 ás 17.00 horas no Paraninfo da Universidade unha conferencia na que presentará o seu libro Camarada Javier Pradera, no que toma como eixe central os seus dez anos de militancia no Partido Comunista de España (1955-1965). O autor (Ferrol, 1940) é profesor emérito de Historia Social e do Pensamento Político da UNED. Autor de numerosos traballos sobre historia política e social de España no s. XX, entre os seus libros figuran obras tan coñecidas como Los socialistas en la política española (1997), Historias de las dos Españas (2004, Premio Nacional de Historia 2005), Vida y tiempo de Manuel Azaña (1880-1940) (2008), Hoy no es ayer (2010) e Elogio de historia en tiempo de memoria (2011). Igualmente ten publicado en sete volumes as Obras Completas de Manuel Azaña (2007) e coordinou Víctimas de la Guerra Civil (1999), Violencia política en la España del Siglo XX (2000) e Memoria de la Guerra y el Franquismo (2006). A través da militancia de Javier Pradera no PCE Santos Juliá analiza neste libro non só a educación política deste intelectual, editor e xornalista que se convertería nun gran defensor dos valores da democracia, senón tamén do contexto histórico deses anos, a evolución política e social dun país e de toda unha xeración, a dos nacidos inmediatamente antes ou durante a guerra civil española, fillos tanto de vencedores como de vencidos, que loitaron xuntos contra o réxime de Franco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2015.