A sarriá María Zoe Chaos gaña o concurso de curtas con móbil sobre enxeñaría e territorio convocado pola Universidade

A estudante sarriá María Zoe Chaos Carballo, que vén de rematar con éxito os seus estudos de segundo de Bacharaleto no IES Gregorio Fernández, poderá completar de balde o vindeiro exercicio 2013-14 un curso de idiomas no Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela, logo de acadar un dos premios do concurso de curtas con móbil ‘Coñeces as posibilidades da enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego?’, convocado pola USC co obxecto de espertar o interese polas enxeñarías ligadas ao sector agrogandeiro, forestal e do medio natural entre os estudantes preuniversitarios.
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, entregou á estudante galardoada neste concurso de curtas con móbil da USC a resolución reitoral que lle permite María Zoe Chaos Carballo gozar da exención do pagamento da matrícula en calquera curso de idiomas impartido polo Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela ao longo do vindeiro exercicio académico 2013-2014. Esta estudante sarriá, que logo de superar con altas cualificacións os estudos de Bacharelato e os exames de selectividade, ten decidido desenvolver a súa formación universitaria na Universidade de Santiago de Compostela, na que a súa primeira opción é cursar Medicina. De non ser posible esta titulación, a sarriá María Zoe Chaos Carballo ten claro que o grao en Bioloxía constitúe a alternativa que máis lle gusta. O vicerreitor e presidente do xurado do concurso de curtas con móbil ‘Coñeces as posibilidades da enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego?’ adiantou no acto de entrega do premio que a Universidade de Santiago de Compostela prevé adiantar a finais de 2013 ou comezos de 2014 a convocatoria da segunda edición de este certame, aberto á participación de estudantes de segundo de BAC e de último curso de ciclos superiores de Formación Profesional. O director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno Lema, e as xornalistas luguesas Mar Martínez Louzao, de El Progreso, e Laura López Fernández, de La Voz de Galicia, tamén participaron, en calidade de membros do xurado, no acto de entrega do premio deste concurso de curtas con móbil, dirixido fundamentalmente á promoción dos títulos de grao das enxeñarías impartidas na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Ofeta de títulos e prazos de matrícula A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da Universidade de Santiago vén de abrir este martes o prazo de inscrición nos cursos ponte que permiten aos enxeñeiros técnicos xa egresados a homoxeneización/adaptación das súas respectivas titulacións aos actuais títulos de grado nos que se transformaron como resultado do proceso de implantación do Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES). Javier Bueno recordou neste senso que a Escola Politécnica Superior ofertará o vindeiro curso académico 2013-1014 os títulos de grao en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Civil e Enxeñaría en Xeomática e Topografía, así como os seus respectivos cursos ponte, programas nos que se ofertan 20 prazas por cada titulación e que o pasado ano rexistraron 108 persoas matriculadas. Os enxeñeiros técnicos que homologuen o seu título ao de grao non só manterán as competencias profesionais xa adquiridas, senón que incluso gozarán doutras vantaxes como a que supón a posibilidade de presentarse a prazas do grupo A da Administración en procesos de concurso público. O recoñecemento da titulación e das súas atribucións profesional no ámbito europeo e outro dos aspectos salientables da obtención do título de grao. A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da Universidade de Santiago completa a súa oferta de títulos cara o vindeiro curso cun amplo abano de másteres oficiais en Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural, Arquitectura da Paisaxe, Dirección de Proxectos, Enxeñaría Agronómica, Enxeñaría de Montes, Investigación Agraria e Forestal e Xestión Sustentable da Terra e o Territorio. A esta oferta de estudos cómpre engadir os posgraos propios da USC en Produción de Leite e Enxeñaría da Madeira Estrutural. A galardoada María Zoe Chaos, entre Javier Bueno e Pedro García Herradón, na Casa do Saber