Ir o contido principal

O saxofonista Marcos Mariño e a pianista Susana García pechan este mércores o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2014’

O saxofonista Marcos Mariño e a pianista Susana García
O saxofonista Marcos Mariño e a pianista Susana García
Os profesores do Conservatorio de Música de Lugo interpretarán, a partir das 20.00 horas na Casa do Saber, un repertorio con obras de Marcello, Schumann e Schubert

O saxofonista Marcos Mariño Vázquez e a pianista Susana García Regadío cerrarán este mércores, a partir das 20.00 horas, o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2014’ cun concerto no que interpretarán pezas de Benedetto Marcello, Robert Schumann Franz Schubert.

O programa do concerto que ofrecerán estes dos profesores do conservatorio de música ‘Xoán Montes’ de Lugo está divido en dúas partes. Na primeira, Mariño e García interpretarán o concerto para óboe e corda de Benedetto Marcello e a peza ‘Fantasiestücke Op. 73’, de Robert Schumann. A Sonata Arpeggione D. 821, de Franz Schubert’, servirá de peche do repertorio deste concerto, o último dos programados nesta edición de ‘Músicas a carón da Mosqueira’, un ciclo financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural. Marcos Mariño (Monterroso, 1981) comeza a súa afección musical á idade de oito anos, na Banda de Monterroso, baixo a dirección de Manuel Gato Soengas. Dous anos máis tarde ingresa no Conservatorio Profesional de Grao Medio de Lalín, baixo a tutela, primeiro, do profesor Marcel van Bree e posteriormente, do profesor de saxofón Juan Carlos Mazás Sanmartín. Finalizados os estudos de Grao Medio en Lalín, con 21 anos accede ao Conservatorio de Grao Superior de Música da Coruña, onde remata os seus estudos superiores en 2005 coas máximas cualificacións, obtendo tamén matrícula de honra no Concerto Fin de Carreira. Desde 2007 é profesor de saxofón no Conservatorio Profesional de Música de Vigo e no Profesional “Xoán Montes” de Música de Lugo. Mariño é membro cofundador xunto a Alejandro Cimadevila, Alberto Noguerol e Jorge García do Cuarteto Skirion, co que vén de editar en 2013 o CD ‘Recitation Book’. Na actualidade, compaxina a docencia no Conservatorio de Lugo coa colaboración con distintas agrupacións, como a Banda Sinfónica Municipal da Coruña, Banda Sinfónica de Galicia, Banda Sinfónica Municipal de Lalín, Orquestra Sinfónica de Galicia, o dúo Brillance xunto a Gabriel López Rodríguez, e o dúo de saxofón e piano xunto a Susana García Regadío. A pianista Susana García Regadío, natural de Antas de Ulla, comeza os seus estudos musicais á idade de 9 anos, no Conservatorio Profesional Xoán Montes de Música de Lugo, rematándoos da man de Milagros Iglesias Prieto. Ese mesmo ano empeza a estudar no Conservatorio de Lalín coa pianista Ileana Cortizo Boza, ingresando ao tempo no Conservatorio Superior de música da Coruña con Julio Mourenza Torreiro. Rematados os estudos superiores inicia un máster co pianista Leonel Morales. Recibiu cursos breves e clases asiduas de Ramón Méndez, Madalena Soveral, Cecilio Tieles, Ludovica Mosca, Leonel Morales, Eulalia Solé e Albert Atenelle. Foi profesora de piano no Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e dende o ano 2008 é profesora numeraria do Conservatorio Profesional Xoán Montes de Música de Lugo, onde desenvolve o labor de pianista acompañante, participando en concursos nacionais e ofrecendo recitais en diferentes salas, acompañando a solistas nacionais e internacionais, tanto da especialidade de saxofón como de fagot e canto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2014.