Ir o contido principal

A secretaria de Estado de Inmigración inaugura en Caldas o curso 'Inmigración, educación e transformación social'

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC 2009

A secretaria de Estado de Inmigración e Emigración, Consuelo Rumí Ibáñez, pronuncia o vindeiro luns 6 a conferencia inaugural do curso de verán ‘Inmigración, educación e transformación social’, que se vai celebrar no Auditorio Municipal de Caldas. Na inauguración, prevista para as 10:00 horas, está prevista a asistencia ademais do vicerreitor de Economía, Miguel A. Vázquez Taín, e do alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey.
Neste curso, que abre a programación da Universidade de Verán da USC para 2009, se falará sobre os enfoques e os modelos que permiten entender e interpretar os fluxos migratorios actuais así como a súa integración no ámbito educativo. Dirixido por Mar Lorenzo Moledo e Begoña Castro Martínez, consta de 30 horas lectivas que se impartirán do 6 ao 10 de xullo. Ao longo destes días tratarase de dar a coñecer aos asistentes as principais implicacións da inmigración nos contextos educativos en xeral e escolares en particular.
Así, analizaranse as dinámicas e os procesos de cambio social que acompañan ao auxe da inmigración, atendendo, fundamentalmente, aos casos das familias, escolas, grupos ou comunidades, e estudaranse os planos relacionados coa xestión da inmigración a distintos niveis, dando prioridade ás dimensións potencialmente máis relacionadas co desenvolvemento das actitudes interculturais. As persoas interesadas en ampliar a información sobre este curso poden consultar a web www.usc.es/esculca.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2009.