A secretaria xeral de Confemadera Galicia mostra na EPS de Lugo as potencialidades da industria galega da madeira
O Salón de Actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo acolleu este venres 30 a conferencia ‘Galicia, madera de líderes’, impartida pola secretaria xeral de Confemadera Galicia, Ana Oróns Mata, na que se achegou unha panorámica dun sector, o da industria da madeira, que xera 20.000 empregos directos e 50.000 indirectos e que supón o 3,5 por cento do PIB galego.
O encontro estaba coordinado pola Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) e a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade). Desde esta plataforma organízase o máster en Enxeñería da Madeira Estrutural, no que desde este ano colabora Confemadera Galicia e que é o único ofertado polas universidades españolas que se centra nas potencialidades da madeira como material de construción.
A conferenciante foi presentada polo director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, e o director do máster en Enxeñería da Madeira Estrutural, Manuel Guaita. Ana Oróns é enxeñeira agrónoma pola USC e ten unha longa experiencia como responsable en diferentes organizacións do sector forestal e da industria madeireira de Galicia. Desde este ano ocupa a secretaría xeral de Confemadera Galicia, organización empresarial que aglutina toda a industria da transformación da madeira e o moble nesta comunidade, e que representa a máis de 3.000 empresas.
Ana Oróns Mata, secretaria xeral de Confemadera Galicia Asistentes á conferencia