Ir o contido principal

O sector do libro analizará nun congreso en Compostela a edición na era dixital

O ex ministro de Educación Ángel Gabilondo pronunciará a conferencia inaugural do encontro

O Congreso Editando para minorías na Era Dixital analizará entre o 3 e o 6 de abril en Santiago o panorama actual no mundo editorial. A cita contará coa conferencia inaugural do ex ministro de Educación Ángel Gabilondo e a participación da directora da Biblioteca Nacional, Ana Santos, e o escritor Juan Bonilla, entre outros.

O programa inclúe conferencias de escritores e editores, mesas redondas e obradoiros de encadernación e ilustración, entre outras actividades e pretende analizar as circunstancias actuais que inflúen na xestión editorial, en especial a convivencia de soportes e as novas posibilidades da era dixital. O congreso configúrase como un espazo de diálogo entre editores, escritores, ilustradores, deseñadores gráficos, bibliotecarios, teóricos da cultura e interesados no tema en xeral.

O programa do primeiro día comeza coa conferencia inaugural a cargo do catedrático de Metafísica da Universidade Autónoma de Madrid, ex reitor desta universidade, ex presidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas e ex ministro de Educación, Ángel Gabilondo Pujol. Será ás 11.30 no Salón de Actos da Fundación Novacaixagalicia. A continuación será a quenda da subdirectora xeral de Bibliotecas da Xunta de Galicia, Cristina Rubal González, coa conferencia titulada ‘O libro en Galicia, adaptación ás novas realidades’. O congreso continúa pola tarde coa celebración dun obradoiro, que comezará ás 16.00 horas, sobre encadernación da man de Mª Carmen Villalba Caramés, premio nacional de encadernación. A xornada remata coa mesa redonda ‘Sendo fieis a unha forma de editar’ na que participarán varios directores de editoriais de Barcelona, Valencia, Madrid e Galicia. Paralelamente ao congreso o Colexio de Fonseca acolle a exposición Imprimatur que se inaugurará este xoves ás 20.30 horas e á que tamén están invitados os participantes no congreso.

CampUSCulturae organiza esta cita como un foro de encontro entre editores, novos creadores, coleccionistas, bibliotecarios e apaixonados do libro en xeral. O congreso tamén pretende presentar ideas e propostas sobre os temas a debate a partir das comunicacións de congresistas seleccionadas para a súa presentación pública e propón xogar coas artes tradicionais da encadernación, da impresión e da ilustración sen esquecer as posibilidades das novas tecnoloxías. Máis información en www.campusculturae.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.04.2014.