Ir o contido principal

O novo selo de grao de excelencia dará pulo á calidade e á especialización do sistema universitario de Galicia

O reitor Antonio López e a vicerreitora María José López Couso, entre os asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e a vicerreitora María José López Couso, entre os asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Trátase dunha distinción que suporá unha garantía de alto nivel académico dos estudos de grao que a reciban
Santiago de Compostela

Un novo selo de excelencia de grao universitario recoñecerá e acreditará a calidade académica destes estudos do Sistema Universitario Galego, tal e como se deu a coñecer este venres 6 nun acto no que participaron os reitores das tres universidades públicas galegas, Antonio López (USC); Manuel Reigosa (UVigo), e Julio Abalde (UDC). Na sesión tamén interviñeron o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o director xeral de FEUGA, Francisco Javier Pereiro, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Esta nova distinción enmárcase nas diferentes medidas impulsadas para fomentar a excelencia e a adaptación da oferta formativa ás demandas do conxunto da sociedade. Entre elas, o Mapa de Titulacións 2021-2026 para a implantación dunha decena de mestrados e unha ducia de novas titulacións de grao nos sete campus galegos “que doten a Galicia de profesionais cos perfís adaptados ás necesidades da sociedade futura”, explicaron.

Criterios de avaliación

O obxectivo deste novo selo de excelencia é sensibilizar á comunidade universitaria sobre a relevancia da innovación para adaptarse ás transformacións de procesos, métodos, ferramentas, materiais e contidos que esixe a sociedade do coñecemento. Ao mesmo tempo, procúrase aliñar o deseño das titulacións de grao coas novas tendencias internacionais, contribuíndo a elevar os seus estándares de calidade e darlles visibilidade.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicará o vindeiro día 10 no Diario Oficial de Galicia a orde reguladora deste selo de excelencia para os graos, que incluirá tanto os requisitos previos como os criterios de avaliación. Para acadar este selo, as titulacións deben levar impartíndose de xeito ininterrompido, como mínimo, dende o curso 2018/19 e continuar na actualidade. Cada universidade poderá presentar tres solicitudes como máximo no prazo de dous meses dende a publicación da orde no DOG.

No que atinxe aos criterios de avaliación, establécense un total de oito: estratexia e resultados, currículo, deseño do proceso de ensino–aprendizaxe, profesorado, avaliación, inserción laboral, internacionalización e exposición da proposta. Cada un deles será valorado cun máximo de 10 puntos, agás no caso da estratexia e resultados (máximo de 25 puntos) e da exposición da proposta (ata 15 puntos).

Nestes bloques valoraranse cuestións como as taxas de ocupación, graduación, cambio e abandono; a contribución do plan de estudos ao desenvolvemento rexional e a súa relación co entorno e tecido empresarial; a metodoloxía docente e acompañamento personalizado ao alumnado, ou a excelencia do profesorado e a súa participación en formación e iniciativas innovadoras.

Así mesmo, teranse en conta as estratexias para avaliar a calidade da titulación (avaliación continua, diarios de aprendizaxe), a inserción laboral do grao e, no eido da internacionalización, ítems como a colaboración con universidades estranxeiras, os créditos ofertados en linguas estranxeiras, a mobilidade do estudantado ou a acreditación do nivel de idiomas do persoal docente investigador.

Finalmente, a exposición da proposta debe indicar con claridade os obxectivos acadados e futuros, a identificación de fortalezas e debilidades na actualidade, o compromiso coas estratexias de innovación docente e a planificación de actuación de mellora continua.

O selo de grao de excelencia terá unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación, e continuará con financiamento específico no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-26.

Mestrado de excelencia

Este recoñecemento súmase ao de mestrado de excelencia, un selo implantado hai tres anos. En total, son nove as titulacións que contan xa con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa. Neste momento está en tramitación a resolución da última convocatoria, co obxectivo de incorporar máis mestrados a este selo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2023.