Ir o contido principal

O selo USC Editora renova a súa certificación ISO 9001 de sistemas de xestión da calidade

USC Editora, que conta coa certificación ISO 9001 dende 2014, é un selo comercial, rexistrado como marca europea, que dá cabida a seis series editoriais. FOTO: Santi Alvite
USC Editora, que conta coa certificación ISO 9001 dende 2014, é un selo comercial, rexistrado como marca europea, que dá cabida a seis series editoriais. FOTO: Santi Alvite
O informe final destaca como puntos fortes o uso de ferramentas dixitais, os resultados das enquisas de satisfacción entre autores e distribuidores e unha clara orientación cara á mellora continua
Santiago de Compostela

O selo USC Editora acaba de renovar, tras a correspondente auditoría, a súa certificación segundo a norma ISO 9001:2015 de sistemas de xestión da calidade. O informe final, que non detecta ningunha desviación nin non conformidade no proceso de xestión editorial do selo, destaca como puntos fortes do sistema o uso de ferramentas dixitais, os excelentes resultados das enquisas de satisfacción entre autores e distribuidores e, sobre todo, unha clara orientación cara á mellora continua por parte do equipo implicado.

Juan Blanco, responsable do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, explica que a renovación logrouse “malia as complexas circunstancias e fortes restricións  deste ano, que, se por unha banda, impediron o desenvolvemento normal da actividade, por outra incrementaron o teletraballo e chequearon as fortalezas e oportunidades dun sistema fundamentalmente baseado no traballo en equipo, que non se detivo en ningún momento”.

USC Editora, que conta coa certificación ISO 9001 dende 2014, é un selo comercial, rexistrado como marca europea, que dá cabida a seis series editoriais (Académica, Clave, Ensaio, Manuais, Textos, Cuadernos  de Español como Lengua Extranjera) sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de dezaoito editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa. USC Editora garante o nivel das obras que se editan baixo a súa marca e constitúe un compromiso de prestixio, recoñecemento e calidade editorial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2020.