Os selos EUR-ACE® ás enxeñarías Agrícola e Agronómica reforzan o Campus de Lugo no eido agroalimentario

A concesión dos selos de acreditación de calidade internacional EUR-ACE® aos títulos de grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e de máster en Enxeñaría Agronómica ofertados pola USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría reforzan o liderado do Campus de Lugo no sector agroalimentario, tal e como se puxo de manifesto este xoves na entrega destes distintivos de calidade no marco dun acto celebrado na madrileña sede da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (Aneca), escenario no que o reitor da USC, Antonio López, e o coordinador do máster en Enxeñaría Agronómica e catedrático Santiago Pereira, recolleron os diplomas acreditativos.
A entrega formal destes dous novos selos de calidade sitúan a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC como o primeiro e único centro universitario de Galicia que acada a acreditación de calidade internacional EUR-ACE® para as cinco titulacións habilitantes de enxeñaría que imparte. A concesión do certificado de calidade expedido pola European Network for the Acreditation of Engineering Education (Enaee), en colaboración coa Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (Aneca). De feito, cómpre lembrar que estas dúas distincións, aprobadas xa a mediados de 2020, ao título de grao en Enxeñaría Agricola e Agroalimentaria e ao máster en Enxeñaría Agronómica, súmanse aos selos de calidade outorgados por estes organismos internacionais en 2019 aos títulos de grao en Enxeñaría Civil e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, así como á titulación de máster en Enxeñaría de Montes, reforzan o prestixio internacional do centro lugués.
A concesión do selo EUR-ACE® aos cinco títulos universitarios de enxeñaría con carácter habilitante que imparte a USC na EPSE do Campus de Lugo constata e garante que estes cinco programas de estudos superiores no ámbito das enxeñarías cumpren cos estándares de calidade e son axeitados para atender e dar resposta ás necesidades dos sectores profesionais determinados por esta rede europea. De feito, esta acreditación internacional recoñece os títulos que cumpren de maneira excelente coas esixencias profesionais da enxeñaría logo de superar un rigoroso proceso de avaliación e identifica os programas de estudos de enxeñaría de alta calidade en Europa e incluso alén das súas fronteiras, sinala o director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta García
O certificado EUR-ACE® abarca todas as disciplinas e perfís da enxeñaría, ao tempo que outorga valor e prestixio internacional aos programas que cumpren os estándares exixidos pola ENAEE, segundo os principios de calidade, relevancia, transparencia, recoñecemento e mobilidade contemplados no Espazo Europeo de Educación Superior. Esta certificación internacional, engade o profesor Cuesta García, constata tamén que os programas de estudos de enxeñaría, o profesorado, os laboratorios, a formación e as saídas profesionais que favorecen cumpren cos estándares de calidade e coa adecuación ás necesidades dos sectores profesionais a nivel europeo estipuladas pola ENAEE.
Máis que un distintivo
A acreditación de calidade EUR-ACE® está considerada como a distinción máis prestixiosa que un título de enxeñaría habilitante pode recibir en Europa. Este selo ou recoñecemento forma parte do programa Acredita Plus de ANECA, un proceso ao que de maneira voluntaria as titulacións poden solicitar unha avaliación para conseguir o seu recoñecemento internacional.
O director da EPS de Enxeñaría da USC salientou que o selo EUR-ACE® non é un simple recoñecemento para a USC nin para o centro docente que imparte os títulos acreditados, senón que tal distinción redunda en beneficio de todo o alumnado que acada o seu título de enxeñeiro, neste caso na EPSE da USC, durante o período de vixencia do selo. Serán egresados/as EUR-ACE®, precisa Cuesta García, aqueles/as estudantes que completaron o título de grao ou máster desde un ano antes da data de envío da solicitude de avaliación (30 de xaneiro de 2020) do título a ANECA. A titulación destes estudantes conta con recoñecemento a nivel internacional, tanto no plano legal como por parte dos empregadores/as en Europa, o que facilita a súa mobilidade académica e profesional, conclúe.