Ir o contido principal

A Semana do Emprendemento Universitario remata este venres cunha visita á sede do Programa Uniemprende e a clausura do curso para universitarios

A Semana do Emprendemento Universitario celebra este venres, día 16, a última das súas sesións cunha visita á sede do programa de promoción do emprendemento universitario, Uniemprende, e a clausura do curso para emprendedores universitarios.
A visita ao programa Uniemprende comezará ás 12:00 horas no edificio Cactus (Campus Sur) onde os asistentes coñecerán as diferentes liñas de apoio promovidas pola USC tanto para membros da comunidade científica ou investigadora como para estudantes e novos graduados.
Pola súa banda, a derradeira sesión do curso para emprendedores universitarios comezará ás 16:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Nesta xornada analizarase a maneira de realizar un plan económico e financeiro dunha nova empresa. Tamén se tratarán aspectos específicos sobre o balance e a conta de resultados ou sobre ferramentas básicas para calquera emprendedor que queira por en marcha unha iniciativa empresarial. Este curso conta co recoñecemento oficial dun crédito de libre configuración pola USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2007.