Ir o contido principal

A semana da USC en Transición achega ao campus lucense as súas propostas para un modelo de vida máis sustentable

Os obxectivos deste programa daranse a coñecer mediante exposicións, roteiros e obradoiros que se desenvolverán a un tempo en Lugo e Santiago

O programa USC en Transición organiza durante toda esta semana diversas actividades no Campus de Lugo para difundir entre o alumnado este proxecto, nacido co obxectivo de poñer en marcha procesos de transición a pequena escala que, ademais de dar a coñecer outros modelos de vida máis sustentables, contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade. O luns 7 ábrese na Biblioteca Intercentros do Campus unha exposición sobre a pegada ecolóxica, que permanecerá aberta ata o venres 11. Tamén o luns 7 ten lugar o primeiro dos roteiros fotográficos e botánicos programados dentro desta semana da USC en Transición, que organiza un segundo roteiro para o mércores 9, ambos os dous ás 16.30 horas. Os días 8, 9 e 10 desenvolverase un obradoiro de xabóns artesanais co que se trata de informar e sensibilizar os participantes sobre un dos problemas ambientais máis importantes na actualidade: a xeración de residuos, e sobre o xeito de aproveitar un material, o aceite usado, que habitualmente se bota ao lixo sen pensar nas súas posibilidades de reutilización ou reciclaxe. Todos os talleres de elaboración de xabón artesanal serán no pavillón 2 da Facultade de Veterinaria, o día 8 ás 18.30 horas e os días 9 e 10 ás 12.00 horas. Finalmente, o xoves 10 ás 12.00 está programado outro obradoiro, centrado neste caso no proceso de transición e na importancia da educación ambiental, que se completa cunha segunda exposición localizada tamén na Biblioteca Intercentros do campus lucense, onde se levará a cabo o taller. Para todas as actividades segue aberto o prazo de inscrición. O venres 11 os responsables do programa USC en Transición farán entrega dos seus premios correspondentes ao ano 2012. O acto terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñería do Campus Vida de Santiago, e entre os galardoados está a Bolsa de Aula Verde da residencia universitaria Bal e Gay de Lugo. Durante toda a semana haberá tamén exposicións e actividades nos campus composteláns, co fin de achegar os obxectivos do programa USC en Transición a toda a comunidade universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2012.