Ir o contido principal

O seminario ‘Competencia científica na aula’ presentará experiencias innovadoras relacionadas co ensino das ciencias en secundaria

Inaugúrase este mércores na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte cunha conferencia de Michela Mayer, integrante do grupo de expertos do Proxecto Pisa sobre competencias científicas

Profesores de ensino secundario de toda España participarán na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) no seminario de formación ‘Competencia científica na aula’, unha iniciativa formativa enmarcada no proxecto S-Team (Science Teacher advanced Methods) e financiado pola UE. Entre os días 29 de xuño e 1 de xullo, os asistentes compartirán experiencias de aula relacionadas co ensino por indagación no campo das ciencias e dirixidas a promover o papel activo do alumnado. Ademais traballaranse con exemplos de tarefas encamiñadas ao desenvolvemento das competencias científicas (identificar problemas, explicar fenómenos cientificamente e usar probas para avaliar conclusións) e reflexionarase de xeito conxunto sobre a competencia de uso de probas na aula. Estes obxectivos determinan o deseño do programa ao incluír tres sesións de comunicacións sobre competencias científicas, propostas de actividades e as TIC e medios de comunicación. Neste senso, os profesores presentarán experiencias de aula nos eidos da Bioloxía, Xeoloxía, Física e Química e asistirán a obradoiros e prácticas de laboratorio impartidas por profesores e expertos na materia. O seminario arrancará este mércores 29 ás 16:00 horas coa conferencia inaugural que pronunciará Michela Mayer, da Universidade de Roma 3 e experta internacional en educación científica, educación ambiental e integrante do grupo de expertos do Proxecto Pisa sobre competencias científicas. Deseguido terá lugar a primeira quenda de comunicación sobre ‘ Competencias’.

O curso está enmarcado nas actividades de difusión do proxecto europeo S-team, destinado a mellorar a formación en ciencias do alumnado promovendo o uso de enfoques baseado na indagación por parte do profesorado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.06.2011.