Ir o contido principal

Un seminario gratuíto de Uniemprende explora as competencias esenciais para o éxito dunha idea de negocio

Un seminario gratuíto sobre como elaborar un plan de empresa adestrará aos/ás participantes nas competencias esenciais que deben ter en conta para o éxito dunha idea de negocio. Organizado polo programa Uniemprende, o programa impartirase ao longo de 25 horas de sesións formativas e titorías individualizadas na Aula de Formación do edificio Emprendia. En horario de 9.30 a 14.30 horas, o seminario celebrarase os días 9, 11, 13, 17 e 19 de marzo. A metodoloxía de traballo comprende módulos de contidos teóricos traballados con enfoque práctico, dinámicas de grupo por cada módulo personalizadas ás ideas e proxectos empresariais de quen se apunte, ademais de dúas sesións de gravación en vídeo para a realización de procesos de autoavaliación e unha reflexión participativa sobre o desenvolvemento das sesións. Para a selección das inscricións, valorarase a vinculación universitaria do proxecto de que é titular o/a solicitante, o interese amosado en participación na décimo quinta edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores, que a promotora principal do proxecto sexa muller e a orde de inscrición da solicitude. Esta actividade está enmarcada no Proxecto Innovatia 8.3 dirixido a crear un modelo de intervención que integra a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia e coñecemento e no proceso de creación de empresas de base tecnolóxica no ámbito universitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2015.