Ir o contido principal

Un seminario internacional aborda a situación da actual da investigación sobre os tempos educativos e sociais

Celébrase os días 15 e 16 na Facultade de Ciencias da Educación

Especialistas no estudos dos tempos educativos e sociais das universidades de Deusto, A Rioxa, Burgos, Valencia, Autónoma de Barcelona, UNED e da USC abordarán o estado actual das investigacións neste eido no transcurso do seminario internacional ‘Tempos educativos e sociais’. O encontro celebrarase na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) este xoves 15 e o venres 16. Esta é unha iniciativa que promove o grupo de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA) que dirixe o profesor José A. Caride e que se encadra dentro do proxecto de investigación financiado no Plan Nacional de I+D+i (2008-2011) titulado ‘Tempos escolares e tempos de ocio no alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria’. O obxectivo é analizar e debater estudos e propostas sociopolíticas e pedagóxicas arredor dos tempos sociais, educativos e escolares; presentar á discusión os resultados da investigación neste eido, así como recoller suxestións sobre novas orientacións; e elevar recomendacións e propostas de actuación a diferentes entidades e organismos. No mesmo encontro inscríbese o IV encontro da Rede de Equipos de Investigación Ociogune, presidida por Manuel Cuenca, da Universidade de Deusto, e da que o profesor José A. Caride é vicepresidente. Baixo a coordinación da profesora Mª Carmen Morán, o seminario internacional que comeza este xoves en Ciencias da Educación reunirá a investigadores así como a representantes de sindicatos do ensino, do Colexio profesional de Educadoras/es Sociais de Galicia, do movemento de renovación pedagóxica ou xestores culturais entre outros. En definitiva, trátase de pulsar o estado da investigación e a concreción de puntos críticos e propostas arredor de cuestións como a controversia sobre os tempos escolares; as desigualdades de xénero no uso dos tempos; a harmonización dos tempos persoais, familiares e laborais; ou os desafíos dos tempos de lecer nunha sociedade cunha cada vez maior presenza do ocio virtual. Logo da inauguración do encontro ás 9.00 horas, Nuria Codina, da Universidade de Barcelona, pronunciará a conferencia ‘Tempo, persoa e sociedade’. Deseguido, abrirase un panel de debate baixo o lema ‘Lecturas do tempo na vida cotiá’. A sesión matinal completarase co IV encontro da Rede de Equipos de Investigación Ociogune. Xa pola tarde, o grupo SEPA presentará as súas liñas de traballo arredor da formación e iniciativa social sobre tempos educativos e sociais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2011.