Ir o contido principal

O Seminario Muller e Universidade presenta o seu novo web, de carácter interactivo e dinámico

Reforzar vínculos e promover a creación de redes para facer chegar ás mulleres, igual que aos homes, información que as axude e apoie nas súas actividades é o principal propósito do web do Seminario Muller e Universidade (SMU) da USC que se presenta este martes, día 4, no Colexio de Fonseca. Na presentación, que terá lugar ás 11:30 horas na Sala de Prensa, intervirán a vicerreitora de Calidade e Planificación, Dolores Álvarez, e a coordinadora do SMU, Monserrat Nogueira.
O novo web é un espazo común de información facilitando a participación e a localización de recursos, webs e redes, e tamén de acción permitindo e aumentando a capacidade de mobilización do SMU. As actividades do Seminario, recursos en liña sobre o traballo de científicas e tecnólogas, un boletín informativo en constante actualización ou un foro aberto sobre as achegas das mulleres galegas en todos os ámbitos sociais e económicos, alén da ciencia e a tecnoloxía, son algúns dos contidos que esta nova páxina web ofrece ao lector.
O SMUO Seminario Mulleres e Universidade iniciou, xa hai máis de cinco anos, as súas actividades no seo da USC co ánimo de promocionar a igualdade entre homes e mulleres en todos os niveis de actuación do sistema universitario de Galicia. Constituíuse así nun espazo de reflexión que, ao tempo que impulsa e insta a creación de políticas universitarias que fomenten unha igual e real participación e representación en todos os ámbitos da toma de decisións universitarias, alenta a reflexión constante sobre a contribución das mulleres na Ciencia e na Tecnoloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2007.