Ir o contido principal

Un seminario profunda na cultura hispanoamericana en Bangladesh

Tras a inauguración protocolaria presidida polo reitor Antonio López, o seminario comezou coa intervención do profesor Syed Anwar Hossain desde Dhaka á que seguiu a presentación do primeiro embaixador de España en Bangladesh, Arturo Pérez Martínez. FOTO: Santi Alvite
Tras a inauguración protocolaria presidida polo reitor Antonio López, o seminario comezou coa intervención do profesor Syed Anwar Hossain desde Dhaka á que seguiu a presentación do primeiro embaixador de España en Bangladesh, Arturo Pérez Martínez. FOTO: Santi Alvite
'Bangabandhu and Bangladesh Getting Closer to Spain' botou a andar este venres no Centro de Estudos Avanzados da USC coa vontade de conmemorar os dez anos de actividade da Cátedra Inditex na Universidade de Dhaka
Santiago de Compostela

O seminario 'Bangabandhu and Bangladesh Getting Closer to Spain' botou a andar este venres no Centro de Estudos Avanzados da USC coa vontade de conmemorar os dez anos de actividade da Cátedra Inditex na Universidade de Dhaka, data que coincide co quincuaxésimo aniversario da independencia de Bangladesh e o centenario do nacemento de Sheikh Mujibur Rahman, Bangabandhu, pai da patria bangladesí. A través deste seminario preténdese achegar os dous países dende o ámbito cultural e social.

“A Cátedra Inditex ten un obxectivo inicial: posibilitar o coñecemento e o ensino do español e a difusión da cultura  hispanoamericana en Bangladesh, un país que apenas conta con posibilidades de achegamento ao idioma ou as relacións culturais con España e Iberoamérica”, explicou o responsable da Cátedra, Santiago Fernández Mosquera. “Nese sentido, ademais dos máis de 400 alumnos que asisten ás clases regulares, a Cátedra organiza diferentes actividades culturais como exposicións, concertos ou seminarios. Ata o de agora estas actividades realizábanse en  Dhaka, pero a persistente pandemia obrigou a que algunha delas se programe dende Galicia para que poida difundirse en Bangladesh e tamén cara a outros ámbitos máis abertos”, engade.

Con esta meta, interveñen no seminario o profesor e historiador Syed Anwar Hossain, o embaixador Arturo Pérez Martínez, o profesor Evaristo Zas da Universidade da Coruña e membro tamén da Cátedra Inditex; e o profesor José Virgilio Trabazo da USC. Tamén conta coa participación da directora da Cátedra pola UDC, María José Martínez; o profesor da Cátedra en Dhaka que actualmente está a gozar dunha estancia na UDC, Mirza Wasfi; así como a subdirectora da Cátedra María Vitoria Vázquez Rozas, da USC.

Tras a inauguración protocolaria presidida polo reitor Antonio López, o seminario comezou coa intervención do profesor Syed Anwar Hossain desde Dhaka á que seguiu a presentación do primeiro embaixador de España en Bangladesh, Arturo Pérez Martínez. Tras unha pausa, interviñeron os profesores Evaristo Zas e José Virgilio Trabazo para que finalmente o embaixador de Bangladesh en España clausurase o seminario.

“A Cátedra Inditex organizou este seminario, en colaboración coa Embaixada de Bangladesh en España, que lembra a celebración da independencia do país así como o aniversario do nacemento do pai da patria  bangladesí  Sheikh  Mujibur  Rahman,  Bangabandhu. E esta celebración ilústrase con diferentes intervencións que achegan ambos os dous países dende o coñecemento da súa arquitectura e a súa lingua”, conclúe o profesor Mosquera.

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.03.2022.