Ir o contido principal

O Seminario Vidal Abascal pecha o seu ciclo de conferencias deste curso coa intervención do catedrático da USC Luis A. Cordero Rego

O catedrático de Xeometría Diferencial da USC, Luis A. Cordero Rego, pronunciará este mércores 20 a conferencia de clausura do Seminario Vidal Abascal, nunha sesión que comezará ás 16:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas. A intervención do profesor Cordero leva por título ‘Da regra e o cartabón ao fibrado de referencias’.
Luis A. Cordero Rego acadou o doutoramento na USC no ano 1971, institución na que impartiría docencia dende 1968 ata 1975. Foi ademais Research Fellow da Universidade de Harvard (1973), profesor agregado da Universidade de Valladolid (1975 - 1976) e catedrático da Universidade de La Laguna (1976 - 1979).
É membro de número da Real Academia Galega de Ciencias e membro correspondente da Academia Canaria de Ciencias. Actualmente forma parte do Consello Científico do Instituto de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, tendo sido director deste Instituto entre xuño 1996 e setembro 2000.
O Seminario Vidal AbascalO seminario do Departamento de Xeometría e Topoloxía da USC cambia o seu nome en homenaxe ao profesor Enrique Vidal Abascal, partícipe fundamental na creación do citado Departamento e da Facultade de Matemáticas de Santiago, onde ocupou o cargo de director e decano, respectivamente, ademais de ser unha figura emblemática da matemática galega actual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2007.