Ir o contido principal

Un seminario sobre a xestión dos territorios fragmentados achega exemplos de innovación e traballo comunitario

A actividade desenvolverase na sede do Ibader no Campus de Lugo e enmárcase dentro do máster sobre Xestión Sustentable da Terra e do Territorio

O máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio que se imparte na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo organiza, dentro das súas actividades complementarias á formación teórica, un seminario sobre innovacións na gobernanza de territorios fragmentados. O encontro, que se celebrará o martes 17 a partir das 17.00 horas no salón de actos do Ibader (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural), está aberto a toda a comunidade universitaria. No seminario participarán Francisco Barreiro, da cooperativa de explotación comunitaria da terra Monte Cabalar da Estrada; e Antonio Louro, este último en representación do Concello de Maçao, en Portugal, onde se está a desenvolver un proxecto pioneiro para combater os incendios forestais, a desertificación e o despoboamento. No marco deste mesmo máster interveu recentemente o responsable da FAO en materia de posesión da terra e desenvolvemento rural para Europa do Leste e Asia Central, Richard Eberlin. Eberlin falou sobre os últimos cambios en materia de posesión da terra e as políticas asociadas a este cambios nos países en transición, onde circunstancias como a elevada fragmentación do territorio e os procesos de despoboamento e abandono do contorno rural son similares ao caso galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2012.