Séneca e Lavoisier en galego

Dous contextos cronolóxicos, idiomáticos e temáticos radicalmente diferentes separan as obras que a Universidade de Santiago de Compostela vén de tirar do prelo na súa colección de traducións ao galego «Clásicos do Pensamento Universal»: un tratado de filosofía acerca da felicidade e a brevidade da vida composto no tempo convulso da corrupción moral do imperio Romano e o texto considerado para moitos fundacional da Química moderna. Do latín de Séneca ao francés de Lavoisier; do século I da nosa era en Roma aos remates do XVIII na Francia revolucionaria.
O Tratado Elemental de Química de Antoine Laurent Lavoisier -con limiar de Manuel R. Bermejo e tradución de Sergio Casas e Mª Victoria Castaño- e A vida feliz. A brevidade da vida de Lucio Anneo Séneca -prologado por Xosé Luís Barreiro Rivas e traducido por Manuel E. Vázquez Buján- presentouse este mércores nun acto presidido polo reitor Barro e ao que tamén asistiron o director da colección «Clásicos do Pensamento Universal», Darío Villanueva; e o director xeral da Fundación BBVA, promotora da colección, Rafael Pardo Avellaneda.
Tratado Elemental de QuímicaNo XIX a imaxe de Lavoisier situouse na historia da Humanidade como a do líder carismático dunha das revolucións da ciencia, a fundación da química moderna. Xa no século XX todos os especialistas contemporáneos en historia da ciencia contribuíron a acuñar a idea da revolución química colocando a figura de Lavoisier, e a súa obra, no cerne. Incorpórase así aos fondos da editorial universitaria un texto en galego traducido do francés técnico do século XVIII, en concreto dun exemplar dunha edición en tres volumes de 1789 conservado na Biblioteca Xeral da USC.
A vida felizSéneca escribe nun tempo de fonda crise intelectual e política que tenta superar coa súa paixón pola sabedoría. O seu xeito de escribir –diálogos e tratados breves e asequibles- non só lle proporcionou recoñecemento no seu tempo senón que lle permitiu cobrar enorme transcendencia na primeira das grandes correntes filosóficas cristiás e introducirse a través dela no pensamento medieval. Os diálogos sobre a felicidade e a brevidade da vida que hoxe se presentan son mostras da arquitectura moral e intelectual do filósofo hispano.
A colecciónA colección «Clásicos do Pensamento Universal» iniciouse en 2002 en virtude dun convenio de colaboración entre a Fundación BBVA e a Universidade de Santiago de Compostela. Con trece volumes editados ata o momento -que abranguen unha amplísima representación de temas, épocas e direccións intelectuais: Maquiavelo, Bernard, Darwin, Aristóteles, Newton, von Neumann, Erasmo, Platón, Freud, Weber ou Rousseau-, trátase dunha colección de referencia indispensable no panorama editorial galego ao estar contribuíndo ao establecemento dun estándar léxico en lingua galega para a expresión da ciencia e o pensamento.
Nos vindeiros meses serán publicados A linguaxe de Edward Sapir; A galaxia Gutenberg de Marshall MacLuhan; Dos delitos e das penas de Cesare Beccaria e Utopía de Tomás Moro.