Ir o contido principal

Senén Barro explicou en Granada a experiencia da USC como Universidade pioneira en España na elaboración dunha memoria de responsabilidade social

O reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, participou este mércores en Granada nun foro sobre responsabilidade social universitaria que organizan os Consellos Sociais das Universidades Públicas de Andalucía para a elaboración da Memoria de Responsabilidade Social do Sistema Universitario desa comunidade.
A de Santiago foi a primeira universidade española e das primeiras de Europa que elaborou un documento deste tipo segundo a metodoloxía Global Reporting Initiative, principal referente internacional na elaboración de Memorias de Sostibilidade. Por tal motivo, Barro foi convidado a intervir nunha mesa redonda na que explicou a experiencia da USC na implantación da responsabilidade social.
Xunto ao reitor compostelán participaron no debate o director de RSC de Cajasol, Juan Antonio Bueno; o coordinador da Comisión de RSC da Asociación Española de Contabilidade e Admistración de Empresas, José Luis Lizcano; e o director de Global Sustainability Services en KPMG, José Luis Blasco.
Os organizadores definiron nesta xornada de reflexión os obxectivos da Memoria de Responsabilidade Social Universitaria. Falaron da definición dun modelo de avaliación, control e mellora da calidade; da ambientalización da xestión universitaria; da importancia da participación dos grupos de interese e a comunicación interna e externa; da promoción da formación superior e a investigación en materia de responsabilidade social de maneira transversal nos programas formativos e dunha rede andaluza integrada noutras máis amplas de universidades responsables; e do impulso ao estudo, difusión e transferencia de experiencias universitarias que acheguen novas solucións a problemas vinculados coa capacidade de resposta das universidades ao seu entorno.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2008.