Senén Barro explicoulles aos tres portavoces parlamentarios a situación económica da USC
O reitor Senén Barro e o vicerreitor de Economía, Miguel Vázquez Taín, reuníronse este martes cos portavoces no Parlamento galego do Partido Popular, Manuel Santos Ruiz e Pedro Puy; do Partido Socialista de Galicia, Xaquín Fernández Leiceaga e Concepción Burgo, e do Bloque Nacionalista Galego, Carlos Aimerich, para expoñerlles a situación económica da Universidade e analizar as cifras contidas no Proxecto de Lei de Orzamentos que se está a tramitar no Parlamento de Galicia.
Barro manifestoulles aos portavoces parlamentarios que, a pesar de que os recursos que se achegan ás universidades no marco do actual Plano de Financiamento diminuíron un 2,5%, na práctica os que se achegan con carácter non finalista redúcense ao redor do 5,5%. Isto supón que as Universidades galegas recibirán en 2010 uns 20 millóns de euros menos de recursos non finalistas que no 2009, dos que á USC lle corresponden aproximadamente uns 9 millóns.
Ademais, para 2010 elimínanse as achegas engadidas á USC no exercicio 2009 para atender ó seu perfil de actividade e circunstancias específicas. E, se a iso se engade unha previsión de diminución dos ingresos por matrícula, debido fundamentalmente á conxelación das taxas, “a caída conxunta dos ingresos da USC o vindeiro ano respecto dos ingresos de 2009 rondará os 14 millóns de euros”, advirten os responsables da USC.
Na reunión analizáronse tamén as derivas de determinados capítulos de gastos, principalmente de persoal e subministros, “que experimentan ano a ano crecementos importantes, condicionados externamente”.
"Imposible de afrontar"Senén Barro trasladoulle aos grupos a imposibilidade de poder afrontar a realización dun orzamento equilibrado coas previsións actuais de recursos, “máxime cando dende 2002 a USC vén desenvolvendo un Plan de Equilibrio Económico Financeiro que supuxo na práctica una redución do gasto nunha cantidade próxima aos 20 millóns de euros”. O “drástico recorte” introducido nos últimos anos eliminou marxe para novos recortes de gasto “sen afectar de forma irresponsable e irremediable á actividade”, argúe.
Tanto o reitor como o vicerreitor encargado de Economía e Financiamento mostraron a súa preocupación polo feito de que o Sistema Universitario Galego teña un financiamento en termos comparativos moi inferior aos do resto de Comunidades Autónomas do Estado. Como exemplo falaron de Andalucía, cun sistema universitario e un desenvolvemento económico comparables, que achega o 1,04% do PIB ao seu sistema universitario, fronte ao 0,74% de Galicia.