Senén Barro informou ao Consello Económico e Social (CES) da cidade de Santiago do acordo `Bases para a cooperación universitaria na docencia do Grao en Medicina´
O reitor, Senén Barro acudiu, a petición propia, a unha reunión do Consello Económico e Social (CES) da cidade de Santiago de Compostela co obxecto de informar sobre o documento “Bases para a cooperación universitaria na docencia do Grao en Medicina”. Esta comparecencia únese a outras xa mantidas polo reitor con representantes doutros organismos, entre eles o Consello Social, e diversos colectivos que amosaron a súa preocupación ou incluso o rexeitamento a dito documento.
No CES, o reitor informou dos antecedentes deste acordo, que se remontan a outubro do 2007, resultado dunha negociación a tres bandas, entre a Facultade de Medicina, representada polo seu decano, a Universidade da Coruña e o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, entonces Juan Canalejo. Daquela negociación derivouse o documento “Los estudios de medicina y la contribución del Complejo Hospitalario Universitario Juan Canalejo de A Coruña: Necesidad de un acuerdo entre las instituciones implicadas”. Con posterioridade, e a instancias daquel proceso, chegouse á sinatura dun protocolo entre as tres Universidades galegas e as Consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade, co obxecto de crear a figura de colaborador docente, figura que volve a contemplar o actual acordo.
Ao non ser desenvolto o anterior protocolo, o documento asinado o pasado mes de febreiro supón un novo intento de contar coa colaboración plena da rede hospitalaria e ambulatoria do SERGAS na formación clínica dos estudantes de medicina da Universidade de Santiago de Compostela, contando coa colaboración das outras dúas Universidades do Sistema Universitario Galego.
O reitor explicau as razóns e os tempos que levaron a definir unhas bases para a cooperación na docencia do Grao en Medicina a nivel de Galicia e do proceso de negociación seguido para chegar a este punto. “Resulta imprescindible dar unha solución permanente á formación clínica dun número crecente de estudantes de medicina -que poderían chegar a 400 novos alumnos no próximo curso académico-, garantindo unha única Facultade de Medicina e un título exclusivo da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que contando coa cooperación das outras universidades galegas a través dos hospitais coas que estas teñen concertos de cooperación en materias de docencia e investigación”, asegurou o reitor. Trátase dunha colaboración que se estende a Campus Vida, como quedou reflectido nunha recente reunión con representantes das outras Universidades, Institutos de Investigación Sanitaria e Hospitais de Galicia.
Ante as críticas ao acordo e a preocupación amosada polas súas posibles implicacións, realizadas fundamentalmente pola Facultade de Medicina, unha asociación de estudantes e outros colectivos ou persoas dentro e fora da comunidade universitaria, o reitor vai intensificar a explicación en detalle do documento asinado e, sobre todo, vai recoller todas as suxestións ao respecto e “ser especialmente sensible a estas opinións, coa idea de chegar ao mellor desenvolvemento do acordo para os intereses da USC e, en particular, da formación dos estudantes de medicina e da Facultade de Medicina no seu conxunto”. Nesta labor tamén se implica o Consello Social da Universidade, que acordou delegar no seu presidente a oportunidade de acompañar ao reitor nas reunións con distintos organismos e colectivos.