Senén Barro interveu en Cádiz nun encontro bilateral entre reitores cubanos e españois
O reitor da USC, Senén Barro, interveu este venres en Cádiz nun encontro bilateral de universidades cubanas e españolas organizado pola Conferencia de Reitores de Universidades Españolas coa colaboración da Universidade de Cádiz. Barro referiuse nunha das sesións de traballo programadas á investigación, transferencia e innovación en España.
A delegación cubana que se desprazou ao encontro estaba integrada por máis de vinte representantes de institucións de ensino superior do país caribeño e presidida polo viceministro primeiro do Ministerio de Educación Superior, Rodolfo Alarcón.
No transcurso deste encontro, os reitores intercambiaron información sobre a avaliación, calidade e acreditación dos estudos de posgro, dando conta da oferta que neste nivel educativo se pode atopar tanto en España como en Europea e Cuba. Outros dos temas abordados foron os resultados da Ciencia e Técnica en Cuba en liñas priorizadas e posibles proxectos e oportunidades de cooperación entre ambos os dous lados do Atlántico.