Ir o contido principal

Senén Barro participou nun encontro en Santander sobre as relacións entre a universidade e a empresa

O reitor compostelán presidiu unha sesión dedicada ao mecenado empresarial

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, participou en Santander nas xornadas ‘Formación e transferencia do coñecemento: renovando o diálogo entre a universidade e a empresa’ que organizou esta semana a Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP).
Na mañá deste martes comezou a sesión dedicada ao mecenado empresarial como fonte de financiamento universitario, que foi presidida por Senén Barro. A continuación tivo lugar o relatorio do presidente da Asociación Española para o Desenvolvemento do Mecenazgo Empresarial, Pedro Ralda, quen disertou sobre o mesmo tema.
O vínculo entre Universidade e Empresa no I+D+i foi outro dos asuntos a tratar no último día das xornadas, coa participación do secretario xeral de Industria, Joan Trullén, seguido polo reitor da Universidade de Granada, David Aguilar, quen aportou as conclusións.
O encontro, organizado pola UIMP, foi dirixido polo reitor da Universidade de Oviedo e presidente da Confederación de Reitores das Universidades Españolas, Juan A. Vázquez, e polo coordinador xeral do Informe CYD, Martí Parellada, estudo que pretende destacar a contribución das universidades españolas no desenvolvemento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2007.