Ir o contido principal

As sensacións térmicas en Galicia superaron os 50 graos centígrados

As sensacións térmicas en Galicia superaron os 50 graos centígrados
As sensacións térmicas en Galicia superaron os 50 graos centígrados
Un equipo do Departamento de Xeografía da USC investigou o último episodio de calor, as sensacións térmicas de xullo e as ‘illas de calor’ urbanas

Galicia, e especialmente a metade meridional, sufriu a semana pasada un episodio de calor extremo con algúns records térmicos, como as máximas de Ferreira de Pantón (43,1º) e Pontevedra (37º) ou a mínima de Vigo (29º). Estes episodios de calor son o fenómeno contrario ás olas de frío que teñen lugar practicamente todos os invernos coa chegada de masas de aire extremadamente frías procedentes de latitudes polares. Tanto uns como outros son habituais todos os anos na Península debido á nosa latitude, nunha franxa climática de transición e de fronteira entre as rexións frías polares e cálidas subtropicais. Non obstante, hai que ter en conta que a temperatura do aire non coincide habitualmente coa sensación térmica real que perciben os habitantes dun territorio, xa que esta depende tamén doutras variables como a humidade, a velocidade do vento ou a radiación solar. Un equipo do Departamento de Xeografía da USC coordinado por Alberto Martí Ezpeleta e Dominic Royé investigou este efecto tomando como base diversas investigacións en bioclimatoloxía humana e en función do índice bioclimático da Temperatura Fisiolóxica Equivalente (PET) que utiliza variables meteorolóxicas e as do balance humano da enerxía. En concreto, calcularon os valores máximos da sensación térmica para as cidades de Santiago, Vigo e Ourense entre os días 4 e 9 de xullo e os valores medios máximos no mes de xullo. Segundo as súas comprobacións, en Santiago e Ourense a sensación térmica superou case todos os días os 45 graos. Por cidades, en Ourense os días 6 e 7 a temperatura real máxima foi de case 42º, pero a sensación térmica alcanzou os 50º. En Vigo, o día 8 a máxima foi de 34,8º, pero como a mínima foi de 29º a sensación térmica dese día superou os 52º. En Santiago, as máximas dos días 6, 7 e 8 estiveron comprendidas entre os 36º e os 38º, pero a sensación térmica superou os 45º.

4 xull 5 xull 6 xull 7 xull 8 xull 9 xull Santiago 40,6 45 49,4 48,7 46,9 48,6 Vigo 38,3 43,4 37 45,9 52 30 Ourense 44,6 44,5 49,7 51,6 47,7 44

Sensacións térmicas obtidas co método PET Importantes contrastes espaciais Os investigadores advirten ademais dos contrastes existentes entre as diferentes zonas da xeografía galega, debidos fundamentalmente á nosa complexa orografía, ás distancias co Océano Atlántico e, en verán, á latitude, “que provoca contrastes térmicos entre os territorios do norte e do sur, con diferenzas rexionais de máis de 20º”. Así, nas horas centrais dos días no mes de xullo as sensacións térmicas medias máis elevadas, superiores a 35º, rexístranse na metade meridional de Galicia, alcanzando valores superiores aos 40º e, incluso, aos 45º nos vales interiores dos ríos Miño e Sil así como nas depresións interiores de Verín e Monforte. Tamén o Baixo Miño rexistra sensacións térmicas moderadas, entre 35º e 40º. “ Pola contra, as sensacións térmicas máis baixas rexístranse nas comarcas do norte da rexión, máis expostas aos ventos frescos de compoñente N e onde os valores non superan os 30º, sendo inferiores a 20º nas terras elevadas das serras máis setentrionais, como a de Xistral”. ‘Ilas de calor’ urbanas Na distinta percepción que existe das elevadas temperaturas durante as olas de calor, o equipo de investigación da USC fai tamén unha distinción nas cidades, “a máxima expresión da transformación do medio natural pola acción humana, chegando a crear as súas propias condiciones ambientais, incluídas as climáticas”. Con situacións atmosféricas estables danse as condicións máis adecuadas para que apareza o fenómeno de ‘illa de calor” no centro das cidades. Os investigadores apuntan diferenzas de ata cinco graos na mesma cidade en función de se nos achegamos ou alonxamos do centro urbano. Así se entende, aclaran, “que non sempre coincidan os valores térmicos recollidos nas estacións meteorolóxicas, situadas habitualmente na periferia das cidades, coas verdadeiras temperaturas que os habitantes dos centros urbanos están percibindo”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.07.2013.