O SEPIU conclúe o primeiro curso en liña sobre diversidade funcional e participación social
Trinta alumnos e alumnas de España, México, Paraguai e República Dominicana remataron recentemente o I Curso Virtual sobre Vida Independente e Participación Social que puxo en marcha o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC. Dezanove destes estudantes posuían discapacidade de distintos graos, a maioría superiores ao 45%, e tipos, sendo na súa maior parte discapacidades físicas pero tamén auditiva e visual. Os titores do curso e encargados da selección e redacción dos contidos de aprendizaxe, tamén persoas con diversidade funcional, son activistas de referencia dentro do Movemento de Vida Independente. O curso realizouse a través dunha aula virtual que desenvolve o grupo de investigación ADenu da Universidade Nacional de Educación a Distancia e que pretende cubrir as necesidades específicas de formación de alumnos con diversidade funcional a través de espazos virtuais integradores. A implementación dixital desta acción formativa deseñada polo SEPIU pretendeu dar resposta á necesidade de desenvolver materiais dixitais e contornos de formación en liña accesibles. O curso realizouse a través do proxecto ‘Desenvolvemento do Centro Documental de Vida Independente (CEDOVI)’ financiado pola Fundación Vodafone España co apoio da Consellaría de Traballo e Benestar. Mellorar propostas
Un 80% dos alumnos completaron con éxito este curso; un dato que permitirá ao SEPIU mellorar as propostas formativas en liña que vén desenvolvendo nestes últimos anos a través de distintos contornos virtuais de aprendizaxe.