Unha serie de talleres de Woman Emprende fomentan o emprendemento feminino

O programa Woman Emprende coa colaboración da Asociación Executivas de Galicia e do BIC Galicia organizan entre dende este luns 11 e ata o próximo xoves 14 na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais unha semana de talleres destinados a fomentar o emprendemento feminino universitario baixo o lema ‘A ruta para emprender’. As destinatarias son mulleres que se atopen nalgunha fase do emprendemento, tanto estudantes, investigadoras, empresarias en fase de creación da súa empresa e consolidadas como executivas, entre outras. Este perfil cumprirá un dobre perfil, formativo e de creación de redes de contacto e de axuda e titorización entre as diferentes asistentes aos talleres de emprendemento. Os talleres teñen lugar dentro do Proxecto Innovatia 8.3 financiado polo Instituto da Muller co compromiso de crear un modelo de intervención que integre a perspectiva de xénero nos procesos de creación de empresas de base tecnolóxica no contorno universitario. Son un conxunto de propostas de carácter práctico e dinámico que percorrerán todas as fases que acompañan o emprendemento feminino, dende a difusión da cultura emprendedora ou a localización do interese por emprender entre a comunidade universitaria ata as ferramentas que impulsan esta actitude emprendedora e a materialización nun plan de empresa, para logo dar o paso en converterse nunha realidade empresarial. A constitución destas sociedades asóciase así á xeración de emprego de alto valor engadido para as mulleres universitarias, que compitan en mercados innovadores, internacionais e que transfiran á sociedade o coñecemento froito da investigación. Talleres A inauguración do ciclo este luns na Facultade de Ciencias Políticas tivo lugar nun acto presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Franscisco González, coa participación da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e da secretaria da Facultade compostelá, María Antonia Arias. Neste mesma sesión, presentouse a Guía para la elaboración del plan de empresa o que deu paso á conferencia inaugural que pronunciou a presidenta da Asociación de Executivas de Galicia, Montserrat Sánchez-Agustino. A primeira das accións enmarcadas neste conxunto aborda o paso da idea ao plan de empresa, con atención especial ás iniciativas xurdidas na Universidade. Foi nunha xornada estes mesmo luns 11 de 16.00 a 20.30 horas. O martes 12 e co mesmo horario, a xornada oriéntase ao financiamento no proceso de creación de empresas e os apoios das administración públicas ás novas empresas, con especial atención ao capital risco como fonte de financiamento das spin-offs.
O marco legal para a constitución dunha empresa é o tema do terceiro taller, o mércores 13, detallando as formas xurídicas e trámites de constitución dunha empresa e o marco xurídico para a creación de Empresas de Base Tecnolóxica dende as universidades. Pechando o ciclo, o xoves 14, trátanse as claves para o éxito empresarial, o entorno económico e social dentro da empresa e o proceso de emprendemento e innovación no sector das TIC. Máis información en http://womanemprende.org/talleres/semana_talleres_woman_emprende.pdf.